Albaneis

| XOSÉ CHAO REGO |

OPINIÓN

19 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A GUERRA do Golfo de Estados Unidos contra Irak afectoume moito e participei en revistas e mesas redondas, en virtude dos estudios da única Relixión do Libro que me resultaba menos familiar. Agora, dende o que sucedeu o 11 de setembro, o compromiso por explica-la cuestión resulta máis urxente. Pero ¿que sucedeu o 11 de setembro? Un discurso oficial aprendido comeza a falar de Torres Xemelgas ¡Arrepiante, xaora, abominable!, mais eu preguntaba polo 11 de setembro de 1973, cando a Armada estadounidense amparaba, dende Valparaíso, o bombardeo do Palacio da Moneda que o xeneral Pinochet ordenara. Síntome ruín ante tan despiadadas consideracións, pero un xa vai canso de que nos embarquen en faenas que pouco teñen que ver coa xustiza e nin tan sequera cos nosos intereses. Seguimos esmagados pola propaganda oficial e ponse todo o honor en guerras de comenencia. Pedimos máis que xente tranquila, senón constructores da paz, albaneis que aplaudan ó rei montado en burriño, que di o profeta Zacarías, e non en cabalo guerreiro. «Cargade co meu xugo, qué é levadeiro».Pero é moito apandar cos amos de Occidente que manipulan unhas Nacións Unidas cargadas de desigualdades. Mais cada día medra o número dos que se apuntan a construír dende unha ONG ou dende a soidade dun Johnny tentado polo seu fusil.