DENDE QUE Franco lle dera a Eisenhower aquela aperta no aeroporto de Barajas, España cedeu parte da súa soberanía territorial, e moito máis da financeira, ós Estados Unidos de Norteamérica. Bases en Torrejón, Rota e Zaragoza foron a nosa colaboura co país norteamericano; logo chegou o Plan Marshall que «disfrutamos» nunha película de Luis G. Berlanga con Pepe Isbert como actor inesquecible. Cando a guerra do Golfo -¿cal deles?- ata que agora se ve chegar de novo da man do sheriff George W. Bush outra contra Irak, España ponse do lado dos ianquis, aínda que no resto de Europa se neguen, menos os ingleses, claro. Tanto nos dar a lata coa Monica Levinski, e a CIA sen se enterar do ditoso Bin Laden. ¿E nós que temos que ver nesta historia bélica? ¿Ou é que somos unha colonia dos EE. UU.? Pois «nin colonia nin champú», que xa nos chegou coa guerra de Perejil. ¿Non si?