Credulidade

OPINIÓN

NA REVISTA El Semanal ven unha páxina de publicidade na que unha señora ofrece gratuitamente a súa axuda a toda persoa que teña problemas. Esa señora ten o poder de facer que se cumplan os desexos. A cousa consiste en escoller dous desexos dunha lista de doce que veñen na páxina. Os desexos son variados e van dende resolver dificultades financeiras a atopar o amor verdadeiro , ter éxito ou herdar. Hai onde escoller. Despois hai que poñer a man esquerda sobre o papel, pechar os ollos e concentrarse no que se pide. A continuación, encher un cupón cos datos e un cuestionario no que se pregunta se ten problemas financeiros, qué cantidade de cartos necesita, situación civil, se sente soedade ou se sente obxecto de maleficio. Poucos días máis tarde recibirá unha carta que lle axudará a realizar o solicitado. En letra moi pequena (eu tiven que lela con lupa) advírtese de que os datos poden ser usados con fins publicitarios e cedidos a empresas do sector de marketing. Aquí está a clave do asunto: reunir unha cantidade de direccións e vendelas a empresas de todo tipo. En principio, parece imposible que alguén se deixe embaucar de maneira tan burda, pero, dado que estes enganabobos proliferan, é que moita xente está disposta a darlle creto. Cando se oe falar do timo do tocomocho un tende a pensar que se trata de persoas ignorantes, case iletradas, pero esperaríase unha maior capacidade crítica do lector dunha revista na que colaboran escritores coñecidos, onde eu mesma escribín durante case tres anos. Pero vese que non. A tosquedade do anuncio, a falta de credibilidade que salta á vista, é indicio de que vivimos nunha sociedade profundamente inculta, á que se pode facer comungar con rodas de muíño. Ben mirado, non sei por que me escandalizo. Para decatarse do grao de incultura e da ignorante credulidade da nosa sociedade abonda con botarlle unha ollada á televisión. Dá medo pensar a onde se pode levar a unha sociedade que se deixa enganar dun xeito tan elemental e por promesas tan carentes de razón. Como dícia miña avoa: ¡Deus nos colla confesados!