Metecos

| XOSÉ CHAO REGO |

OPINIÓN

16 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ASÍ DENOMINABAN os gregos ós estranxeiros que vivían na cidade. Hoxe son coñecidos tamén con nomes despectivos: charnegos en Cataluña, maquetos no País Vasco. Cóntano-lo evanxeo de Mateo (15,21-18) que unha meteca -unha muller cananea-, achegouse a Xesús. Pídelle que cure á súa filla dun mal grave -un espírito moi malo-, e Xesús aplícalle a lei de estranxería desentendéndose dela. Así é: non lle responde nada e os discípulos pídenlle que lle preste atención, pois vai detrás berrando. «Só fun enviado ás ovellas descarreiradas de Israel», di. Pero a meteca corre tras deles e bótase ós pés de Xesús pedindo auxilio. Xesús provócaa: «Non está ben botar ós cans o pan dos fillos». Intelixente, ela retruca: «Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen as faragullas que caen da mesa dos amos». A brutal resposta de Xesús pode desconcertar. Mateo está dando resposta a unha situación concreta da súa comunidade. O feito de que a cananea lle chame a Xesús «Señor», título que se lle outorga despois da resurrección, xa indica que a lectura ha facerse con precaución. A lección é esta: unha pagá pode ter tanta ou máis fe ca un fillo de Israel.