Pensaba demasiado. Era un problema. Grave gravísimo. Tan grave que os doutores prescribiron para a súa saúde psíquica, e física, a ausencia total de ideas. Levantábase cada mañá co ánimo de manter en branco, ou en rosaporriño, a súa mente turbada. Non podía. A primeira páxina do periódico era o seu punto de partida: Oriente Medio, maltrato, sucesos varios, Bolsa alicaída, bombas, disparos, traxedia. Intentaba acender a radio para escoitar calquera FM musical e triunfista. Pero todas desconectaban para ofrecer desastres inxentes que acuciaban o ánimo da humanidade. Quería ser, simplemente, un home sen pensamentos. Deleitarse no piopío do paxaro cantor pousado na rama máis alta da árbore ou, felicísimo, observar as cores múltiples que o ceo ofrecía no ocaso. Nada. Imposible. Decidiu entón declararse ausente. Non estaba. Non era. As miradas traspasaban o seu corpo invisible. Cruzaban aquel pedazo de carne que decidira baixarse do tren da actualidade, da moda, das noticias. Tempo despois, cando xa estaba acostumado ao seu porte invisible, comprendeu que todo seguía igual. Que era o mesmo de antes: transparente, inaudible, intocable, extraviado. Só lle quedaba iluminarse co periódico cada mañá. Para existir.