ALGUNHA VEZ sostiven dende estas páxinas que estamos diante do que os médicos chaman unha crise de crecemento. O medrío dos nenos, dicimos no país. O corpo transfórmase, revólvese por dentro, enfraquece, merman as defensas e aparece a febre. Pero cando pasa a crise, o neno é menos neno, sae fortalecido, máis feito, máis seguro. É unha imaxe (optimista) que se me ocorríu hai tempo para explicar a situación da nosa lingua e que xa vin repetida por aí. As transformacións sociais, económicas, políticas e de todo tipo que nos últimos corenta anos vivíu a sociedade galega afectan moi profundamente ás súas marcas de identidade e, naturalmente, ó seu primeiro código de representación simbólica e de comunicación: o idioma. ¿Menos falantes? Sen dúbida. É un dos prezos que estamos a pagar. A historia non pasa impunemente. Pero tamén é certo que son falantes distintos, conscientes, máis formados, moito máis capacitados para a vida (e a competitividade), ilustrados, viaxados, desacomplexados. Os nosos avós falaban galego porque non sabían outra cousa. A lingua era no seu caso unha pexa, unha limitación, cando non un estigma. Os nosos fillos (nós mesmos) falámola porque si, «porque nos peta e nos sae de dentro», tal que no verso de Celso Emilio Ferreiro, porque somos conscientes do seu valor obxectivo, da súa significación e da súa utilidade. É un paso xigantesco. Sen cultura, sen modernidade, sen desenvolvemento económico e intelectual da sociedade, sen consciencia de nós, non hai futuro para a lingua galega. Dito todo isto (que manteño) chamo a atención do lector, sen embargo, sobre os resultados do estudio que o profesor Freixeiro Mato acaba de presentar ós medios de comunicación. O titular pode parecer excesivo: Trinta anos de vida para o noso idioma , pero os datos son inequívocos: perda de falantes entre as capas máis novas de poboación, depresión demográfica, ruptura da cadea de transmisión familiar, desculturización acelerada, preguiza social, enfraquecemento progresivo de recursos, burocratización das actuacións a prol da normalización lingüística (na escola e fóra da escola), resistencias que non se dan superado, complexos... O futuro segue a ser incerto. A lingua acadou nas últimas décadas valores simbólicos e de recoñecemento oficial como endexamais tivo. Pero, ó mesmo tempo, está a sufrir o castigo máis duro da súa historia, que afecta ó corazón do sistema: as familias, as novas xeracións sobre todo. ¿Que balance facer dos últimos vinte anos de política lingüística? O estudio do profesor Freixeiro incide no que a Unesco apuntou recentemente: a lingua galega, no concerto da globalización e nas transformacións propias da contemporaneidade, está seriamente ameazada. Mais podemos actuar. Velaquí a nosa responsabilidade e a responsabilidade (grave) das autoridades ás que compete a obriga. Precisamos dun novo pulo cualitativo, firme, con vontade política, integrador, que sexa quen de reactivar con decisión o proceso de normalización do idioma. Non nos extrañe esta crítica. Cada certo tempo é necesario un cambio, unha nova planificación. Todos estamos implicados. Hai poucas semanas que o Concello de Santiago presentou un proxecto local que merece consideración. Axentes económicos, culturais, políticos e empresariais sumaban ideas e asumían compromisos para o uso da lingua galega en tódolos ámbitos da cidadanía. A escola é importante, pero non abonda. Hai que cumplir a lexislación. Non podemos seguir aturando a hipocresía de dicir unha cousa e consentir outra. As accións deben ser novamente programadas. Hai institucións (o Consello da Cultura, a Academia) que constitúen foros ideais para a reflexión, pero tamén para a confluencia de vontades, hoxe máis necesaria que nunca. A crise de crecemento é certa, pero se non se vixila, se non se atende, se non se aplican as medidas e recursos necesarios para controlar a febre, ás veces é mortal e o rapaciño quédasenos. ¿Que queremos ser de maiores (como colectividade)? No fondo, esta é a cuestión.