QUE SE EXPLIQUE A BENEMÉRITA

MARÍA XOXÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

A humanidade non avanza en liña recta. Na súa andadura hai voltas e reviravoltas, acordos e trasacordos. Así, sociedades avanzadas e democráticas poden albergar colectivos oprimidos e normalizar condicións de terrible inxustiza. Voume referir, neste caso, á prostitución. O mesmo Koffi Anan afirma que é a escravitude dos tempos actuais. Que en España, cunha Constitución progresista, que declara a igualdade dos xéneros feminino e masculino, se manteña este comercio de carne feminina, de corpos a disposición dos que paguen por utilizalos como queiran; que se permita a explotación sexual de mulleres, recluidas en sórdidos clubs, por macarras e proxenetas, é máis que unha contradicción, unha aberración. ¿Cómo facer congruente esa escravitude humana coa Constitución? O grave é que non só se tolera a prostitución, senón que desde certas instancias pretenden legalizar unha práctica que tiraniza as prostitutas e denigra os prostituidores. Os que saen moi ben parados son os proxenetas e as mafias traficantes que obteñen multimillonarios beneficios a costa de estafar a mulleres pobres e do Terceiro Mundo. Os que negocian coa prostitución son os primeiros que pretenden a legalización para así considerar o tráfico de seres humanos como calquera outro comercio. E non esquezamos que a droga e a prostitución son os dous grandes negocios do mundo. Pola contra, os gobernos democráticos deben impedila e comprender que para lograr sociedades libres e xustas cómpre acabar co comercio de seres humanos. Contradiccións Referíame ao principio ás terribles contradiccións sociais, e isto é o que pon de manifesto a asociación feminista Alecrín concedendo os premios Alecrín e Alacrán cada ano. Este ano, o Alecrín foi para a eurodiputada Emma Bonino, incansable loitadora a favor dos direitos humanos e a mellora da situación das mulleres no mundo. O Alacrán foi para Anela (Asociación Nacional de Locales de Alterne), ou sexa unha asociación empresarial dedicada á explotación sexual das mulleres. ¿Cómo é posible legalizar esta «empresa» no marco da nosa Constitución?, insisto. Pero o máis insólito é que o mesmo día, 28 de xuño, que co Alacrán se denunciaban as súas actividades, Anela outorgaba tamén o seu premio, neste caso concedido á Unidade Central da Guarda Civil. Isto é para pór o grito no ceo. ¿Cómo pode ser posible? ¿Será que a Benemérita concorda e colabora con ese «negocio»? Ata o momento en que escribo este artigo, non hai ningún comunicado da Guarda Civil rexeitando o premio e cuestionando a súa concesión. É urxente e necesario que o faga, e que o Goberno aclare esta provocación, de non querer ser cómplices desa Asociación de Indeseables.