A LOU abríu un debate social sobre o ensino superior que continuará, a conta da súa aplicación autonómica, para definir qué Universidade queremos na próxima década. Haberá que decidir cántos estudantes, cómo e en qué condicións accederán ás universidades. Voces autorizadas están a pedir que se garanta un mínimo de formación para ingresar nunha carreira universitaria. Pode abondar coa futura reválida ou optar, como apunta a Lei catalana, por unha proba autonómica única que iguale a estudantes de centros privados e públicos. Non é un problema de nivel senon de garantías de igualdade no acceso; porque co descenso da demanda pode que as universidades, obrigadas a competir polo alumnado, baixen os requisitos. A Universidade dos últimos anos está confusa no novo horizonte de competencia que lle obriga a ser máis rendible e competitiva. Como non foi deseñada para iso aínda non interpretou que competencia e rendibilidade non significan o mesmo na producción e difusión do coñecemento que no mercado financeiro. As universidades empezan a semellar unha tenda, en palabras do novo rector da Autónoma madrileña, empeñadas como están en ofrecer servizos que a penas milloran a oferta de docencia e investigación, pero que contribúen a mercantilizar o coñecemento. Outras veces enfrontan tarefas imposibles, tal é o empeño en crear empresas para fornecer o tecido empresarial galego, cuxa única consecuencia por agora é que as perdas xeradas sexan enxugadas con cartos públicos. Aliás, e contradictoriamente co anterior, obsesionada pola rendibilidade da investigación, a Universidade fomenta liñas de traballo que compiten, paradoxicamente, con empresas creadas por egresados da institución que desenvolven a súa actividade, eles si, no mercado. Na docencia, a competencia ven significando maior esforzo en facer masters que cursos de doutoramento, con discutible éxito. A procura de rendibilidade inmediata, a obsesión pola capacitación directa para o mercado laboral (mui cambiante pola veloz innovación) son erros que a Alma Mater non se pode permitir, pero que a sociedade tende a esixirlle. A Universidade é un espazo de libertade; os valores do mercado non teñen por qué ser os valores da Academia.