Nas casas galegas de hai uns anos só había vasoiras para varrer. Hoxe hai escobas. Isto que pode parecer insubstancial leva a reflexionar sobre o que está a pasar coa lingua. Ámbalas dúas palabras existen en galego, pero a vasoira é o instrumento que serve para recoller o po do chan, e a escoba , un xogo de cartas. A forte influencia que exerceu (e exerce) o castelán sobre o galego levou a xente a acantoar o uso do substantivo vasoira (do latín versoria ), que pasou a referir en moitos fogares só aquelas feitas con ramas de xesta. Pola contra, as vasoiras sintéticas, as que se mercan habitualmente no supermercado, denomináronse coa forma castelá escoba (do latín scopa ). Así, os galegofalantes de seu diferencian vasoiras (as antigas) e escobas (as modernas). O mesmo sucede cos grifos e as billas. As dúas palabras teñen idéntico significado, pero a primeira é a forma castelá, e a segunda, a galega. Na actualidade moitos galegofalantes a penas usan a palabra billa para referirse á do baño. Prefiren empregar grifo . Mentres que se segue a falar da billa do pozo. O substantivo castelá grifo asociouse co novo, co progreso, coa modernidade, e o termo galego billa , co antigo, co vello, co de sempre. Estas restriccións de significado pouco axudan a manter a lingua. Parece máis conveniente non abrirmos a billa a estes hábitos.