Os apóstolos da nova era son os políticos. Pescadores de almas. Envolventes seductores capaces de ganar afectos proclamando, ora en Madrid ora en Bruxelas, diáfanos e contundentes sofismas. Gracias a este poder de seducción os galegos comprendemos, resignados, a permanencia de Fischler á fronte do comisariado piscícola da europea unión en que moramos. Fischler: rotundo. Pero non debemos quedar na superficie. O comisario é algo máis. A pedra angular que certifica unha dicotomía indiscutible: Norte, Sur. El Sur también existe: non resulta baladí o verso de Benedetti. Existe, pero pouco. Europa certifica a diario esta división irresoluble. E algúns ecoloxistas aplauden. Co tempo preservaremos os dereitos das sardiñas e condenaremos, sentencia de morte, aos pesqueiros deste país do Noroeste. Qué sociedade de tópicos, farisaica. Pero a culpa, no fondo, non é de Fischler. El é un instrumento. A agricultura e a pesca galegas non cotizan á alza en Europa. Alguén terá que explicar, voz en alto, a situación do sector primario. Eles, os pescadores de almas, exercerán o seu oficio nas próximas eleccións. Seducirán iterando que todo va bien. Todo. Incluso o Sur.