Leivas da Vereda, Leiviñas para Santo Alberte, creía na lúa, nas augas e na tormenta. Así conta Cunqueiro. André Dosil tiña aquela teima de levar sempre a contraria. Adornaba as súas opinións con xuramentos e blasfemias, indo daquela súa preferida e inocente: ¡Mala mar te coma!, a aquela outra mais requintada ¡Escaravéllome os dentes co pau da Santa Cruz! Así conta Manuel Rivas. André Dosil vivía contra da televisión, mais con ela, e Leivas da Vereda foi o primeiro curandeiro que especializou ós santos para cadansúa doenza. Foi cando reparei no conto do Dosil o que me levou a buscar outra vez a historia de Leivas da Vereda. Había naqueles mundos chairegos algúns Dosil, o mesmo que houbo andar ofrecido ó Santo Alberte de maio. Contos e vidas ben diferentes. Achádegos nas vidas dos libros que levan ás vidas mozas, nas terras chairegas, onde homes das castes do Dosil e mais do Leiviñas eran parte do cotiá. Parte de aquilo que se podía vivir indo pola fraga cara os sete muíños, escoitando contos na casa de José Gaibor ou vendo os cans na súa escola de adestramento. Vidas que aínda permiten lembrar os baños na presa de santo Alberte, ó pé do río Parga e preto do castiñeiro esculpido por Corral no cruce de Baamonde, logo dunha viaxe en bicicleta. No mesmo lugar onde Leivas da Vereda dáballe a recomendación ó santo para os seus enfermos, e onde, cando un ano chegou cun caso endiañado e o santo lle deu a mirada, escoitou ¡Coño, Leiviñas, tamén traes cada caso! Aínda que a min o feito de ser a súa romaría nos tempos de maio enredábame saber de que santo Alberte se trataba aquel ó pé do río Parga: se aquel que fora mestre de elocuencia de Tomás de Aquino, celebrado segundo o santoral en novembro, ou algún outro máis caseño. Enredos nos que nunca andou o santo, xa que se ós veciños que nel honran lles acae mellor a romaría en maio, non por eso deixa de milagrear para eles.