Leo que no Teatro Nacional de Barcelona están representando, con gran éxito de público, La filla del mar , de Ángel Guimerá, estreada no ano 1899 pola compañía de María Guerrero. O primeiro que me chama a atención é a coincidencia do título coa primeira novela de Rosalía de Castro, La hija del mar , publicada no ano 1859. Non entendo como foi posible repetir o nome dunha obra rexistrada só 40 anos antes. Ademais, chego á conclusión de que Guimerá ignoraba a existencia da novela de Rosalía. As obras das mulleres eran, e aínda son, silenciadas. La hija del mar foi rechazada polos lectores contemporáneos da obra, según afirma Kathleen March, gran estudiosa da obra rosaliana. Para a súa desaprobación aludiron, por un lado, ao romanticismo paixonal da autora, e por outro, á súa xuventude. Rosalía só contaba 22 anos naquela altura. Isto, lonxe de consideralo unha xenialidade, coma no caso dos escritores precoces, foi visto como unha chata. Pero o silencio desta obra foi levado a cabo tamén posteriormente polo propio Murguía que a omite, xunto con Flavio, ao falar das novelas da súa esposa. A citada analista K.M. non considera inocente este esquecemento de Murguía, senón que o cre motivado pola tendencia ideolóxica de ambas as dúas novelas. Rosalía era consciente do silenciamento ao que sería sometida a súa obra, e tamén de que se lle negaría a capacidade intelectual. No Prólogo desta mesma novela recapacita sobre o papel das escritoras e pede disculpas polo pecado feminino de escribir novelas, algo inaceptable e inmoral para calquera muller decente, que nunca debería inmiscuirse en labores masculinos. Interpreta que ás escritoras fáiselles o regalo de poder escribir algúns libros e engade que son «migas de liberdade recollidas ao redor das mesas literarias onde se sentan os homes». Sabemos que a ironía é a figura literaria fundamental da súa metodoloxía e que non se pode entender a esta escritora sen comprender esta estratexia. Esta falsa humildade, coa que a imaxinamos chorar de risa ante a súa mesa de traballo, non consegue ocultar a rebelde que non se dobrega ante o poder «dos seus iguais» (como boa seguidora do ilustrado Feixóo) e que está orgullosa do que pensa e do que sabe, mesmo se afirma nese mesmo prólogo que «aínda non lles está permitido ás mulleres dicilo». Ela non o calou. Guimerá, non só debía descoñecer a obra de Rosalía, senón que escribe unha obra menor, superficial, que non contraría os roles socialmente impostos. A súa f illa del mar , Ágata, é estranxeira, moura, semisalvaxe e inocente por simple ignorancia. O seu oponente masculino é un seductor, que se enamora da mourisca, non por decisión propia, senón por seguir o xogo marcado pola moza rica que pretendía. O don Juan convértese en víctima ao ser denunciado por outra das súas amantes, enveleñada polos celos, que desencadea o drama e a súa persecución social. O autor incrementa a dor do protagonista, consciente dos seus actos, pola inconsciencia e simpleza da filla do mar, que non entende o problema. Eu tampouco comprendo como esta obra pode ser considerada, por certa crítica e público, antirracista e apropiada para o momento actual. La hija del mar de Rosalía é, como analiza K.M., un estudio da experiencia feminina, desde o seu potencial aos obstáculos que impeden o seu desenvolvemento psicolóxico. Se Guimerá pon de modelo un seductor, Rosalía fai do seductor un malvado, como en tantas das súas obras. A nosa autora, lonxe de presentar o rancor dunha muller celosa, mostra a solidariedade entre mulleres. Rosalía é unha escritora permanentemente preocupada pola inxusticia social e de xénero, unha escritora empeñada en dar valor ao infravalorado socialmente, empezando pola lingua das súas poesías, unha escritora cunha gran sensibilidade para captar as opresións alí onde estean. Non se limita a contar historias; quere intervir ideolóxicamente no significado, quere simbolizar. Así o propio título da novela. O mar aquí é simbólico. Representa o principio feminino, a formación da vida, o elemento que acolle as mulleres desesperadas e maltratadas coma nun colo materno. Vemos, pois, dúas obras ben dispares do S. XIX que coinciden só no nome.