Sen a liberdade de criticar non hai eloxio crible. É posible que ós plumíferos se nos vaia a man no reproche ás actuacións dos gobernos de quenda. E quizais, é un supoñer, así debe ser porque, resultando agradecida a retórica do afago e do incenso, non adoita conducir a fins estimables. A política da Xunta a respecto da emigración foi, ó longo de moitos anos, simbólica e ancorada na relembranza dos vellos sinais de identidade. Moita gaita, un aquel de polbo á feira e choradela do terruño, mirando un vídeo para que se aprecie o moito que ten progresado a parroquia. Ó peor traendo ós vellos para daren fe do prodixio. Parece que as cousas viran de orientación. Albíscase decisión, ideas novas, presencia solidaria, efectiva. A Fundación Galicia-Europa non só é unha grande idea, senón o comezo dun camiño novo, que pode xunguir compromisos públicos e privados nunha auténtica «razón de Estado» galega. E aínda é tempo de facer dos nosos centros galegos células de iniciativas e vitalidade económica e profesional. ¡Qué non darían outras comunidades por dispor de tal rede de ámbito case universal! Quero crelo, quero crelo...