O martes producíase o pasamento de Santiago Álvarez. Coa súa morte Galicia perde a un dos seus fillos ilustres. Nado en Valdeorras hai 89 anos, a súa longa e fructífera vida foi un ininterrumpido compromiso coa liberdade e coa democracia. A sua traxectoria democrática e antifascista é ben coñecida e xustamente recoñecida: nos anos trinta, aínda mozo, loita pola República, á que logo defenderá, en primeira liña, contra a sublevación franquista. Rematada a guerra civil coñece a cadea e o exilio, no que se ve forzado a vivir ata a recuperación da democracia, coa que voltará, para sempre, ó seu país. Menos espallado, quizás interesadamente, está o relato do seu compromiso galeguista. Santiago Álvarez nunca considerou que esquerda e galeguismo foran incompatibles, moito menos termos antitéticos, como proclamaba certa esquerda proverbialmente xacobina. Pola contra, Santiago Álvarez, defensor incansable da lingua e a cultura galegas, estaba convencido de que o futuro de Galicia, como nacionalidade histórica, dependía, en gran medida, de que tódalas forzas políticas, independentemente da sua orientación ideolóxica, asumiran o acervo común do galeguismo. Neste senso foi, xunto a Ramón Piñeiro, un dos precursores do proceso de galeguización da vida política e partidaria galega. Esta concepción levou a Santiago Álvarez, en 1968, a fundar o Partido Comunista de Galicia, como partido nacional galego, e foi este partido, con Santiago á cabeza, o máis eficaz e tenaz defensor do Estatuto de Autonomía, gracias ó cal Galicia conquistou o seu autogoberno. Velaí o seu legado galeguista. Pero Santiago Álvarez non só era un dirixente político de primeira fila; posuía, asemade, un profundo espíritu cívico e unha gran estatura moral. En efecto, pese á represión da que foi obxecto e as penalidades sufridas, nunca asomou nel o máis mínimo sentimento de odio ou rencor. Pola contra, rexeitou sempre calquera idea revanchista, e foi un dos impulsores da reconciliación nacional. Pero, por riba de todo, Santiago Álvarez foi un home de grandes conviccións, de grandes ideais, polos que loitou toda a súa vida e ós que subordinou sempre os seus intereses persoais. Deixa, pois, un enorme legado ético e político, que merece ser transmitido ás novas xeneracións. Os que, coma min, tivemos a honra de coñecer a Santiago e compartir con él longos anos de militancia política, queremos renderlle hoxe unha sinceira homenaxe. Gracias pola túa vida.