SÍNDROME DE PC

La Voz

OPINIÓN

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

24 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A vintecinco anos da legalización do Partido Comunista de España e a trece da caída do muro de Berlín, resulta conmovedor o empeño en deslexitimar algunhas forzas democráticas con argumentos prepolíticos. Os grupos antisistema ou deslexitimados para gobernar, desapareceron entre esas datas, á vez que o anticomunismo deixou de ser un argumento en Italia, en Sudáfrica ou en Irlanda do Norte. En Galicia repítese un argumento que cheira a vello: que O BNG nunca poderá gañar a Fraga e que, polo tanto, o sorpasso do PSOE polos nacionalistas en 1997 suporía unha garantía para que o PP manteña o poder. Xa que logo, só o PSOE pode substituir ao PP. Unha valoración, cando menos incerta, que quere pasar por dogma. Porque a mesma garantía para a continuidade do PP pode dala un PSOE máis interesado na crítica do BNG que na derrota da dereita. Varios argumentos menores apoian, mergullados, ese argumento: «Non poden, non saben gobernar, que medo se gobernan...». «No Bloque só hai marxistas-leninistas e compañeiros de viaxe de cara amable...». Paparruchas, diría Mortadelo deste discurso, máis arraigado no PSOE que no PP; moi frecuente entre excomunistas que seguiron a lóxica de pasar a outros partidos, fartos da imposible evolución dos PCs na liña do PCI. Segundo esta tese, unha das dificultades intrínsecas do nacionalismo estaría no peso que ten na fronte a UPG. Pero na situación política actual, ¿mete medo a UPG ou meten medo coa UPG? Barrunto que se Fraga quere completar a Transición terá que presentar o próximo libro de Francisco Rodríguez, pois ben se sabe que a UPG non se diferencia moito de calquera organización política europea occidental das súas características e da súa historia. As forzas de tradición comunista fecundaron a toda a esquerda europea: gobernaron en Italia co PDS e apoiaron dende Refundazione; Jospin foi trostkista e parte da actual dirección do PSdG procede da vella agrupación universitaria do PCG. Ao cabo, os PCs desaparecerían pero o leninismo, como método organizativo e forma de intervención política, non. Mesmo hai tres excomunistas no Goberno do PP. Os muros de Berlín imaxinarios sirven para que nada mude; como na lóxica daquela guerra fría que tan ledos estamos de que teña rematado. O debate social, hoxe, está noutro eido: como se garante millor o cambio que tantos sectores reclaman en Galicia.