UNHA NOTICIA EXCELENTE

La Voz

OPINIÓN

DOMINGO DOCAMPO, Rector da Universidade de Vigo

20 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A nova do acordo entre o presidente da Xunta e o portavoz do Bloque Nacionalista Galego ¿ó que estou seguro se sumará o PSdeG- sobre a necesidade de reformar consensuadamente o sistema universitario de Galicia é, para nós, os universitarios, e para toda a sociedade galega, unha excelente noticia. A Lei Orgánica de Universidades deixáranos un regusto amargo pola oportunidade perdida de transformar a universidade, mais tamén abriu unha porta á esperanza o feito de que aínda había moito traballo que facer no desenvolvemento autonómico da nova Lei e na asunción de compromisos consontes cos obxectivos que se enuncian no seu limiar, orientados á converxencia europea e que se han de concretar nas políticas de gasto e investimento na educación superior. No noso caso, esas políticas dependen da Xunta de Galicia. O Claustro da Universidade de Vigo, tendo en conta estas circunstancias, decidiu na súa última xuntanza traballar en positivo e, como consecuencia, instar ó Goberno e ó Parlamento de Galicia a procurar o máximo consenso nos temas universitarios, aproveitando as tarefas de desenvolvemento lexislativo autonómico. O obxectivo debe ser transformar a universidade, un dos activos máis importantes cos que conta o país, para encarar con garantías os desafíos da economía globalizada na Sociedade do Coñecemento. As universidades galegas van desenvolver as súas actividades na década na que andamos nun contexto marcado pola crecente competencia entre institucións de educación superior. Non poden subtraerse a ela. Así, a ampliación do distrito único en España, que chegará ó 100% dentro de dous anos, traerá consigo unha maior mobilidade de estudiantes, sobre todo a medida que se incremente o número de bolsas e axudas ó estudio; a velocidade de converxencia cara ó Espacio Europeo da Educación Superior (iniciada a partir da Declaración de Bolonia de 1999) vaise tamén incrementar substancialmente nunha década na que as universidades queren acreditar os seus títulos, a súa docencia, a súa investigación e os seus servicios; e, por rematar, a conformación do Espacio Europeo para a Investigación, vai precisar a participación das universidades nas redes de excelencia europeas, se queren aspirar a conseguir recursos para esa actividade fundamental do seu labor. Temos que aceptar, daquela, o desafío derivado da necesidade de operar nun contorno competitivo, dentro de España, en Europa e no mundo. Manuel Castells, referente indiscutible na análise da sociedade da información, dicía hai un mes, nunha conferencia pronunciada en Vigo, que o éxito das sociedades está hoxe alicerzado na potencia do binomio capital risco e innovación, e que a innovación ten a súa fonte segura de éxito nos investimentos en educación. É un criterio amplamente compartido e que remite á insistente reclamación, por parte das universidades galegas, dun esforzo político e orzamentario consonte co imperativo de apoiar a educación superior como aposta segura para o futuro do país na Sociedade do Coñecemento. Recoñecido o reto, velaquí as razóns da nosa satisfacción pola enteireza coa que se lle empeza a dar resposta dende a vertente parlamentaria: ese primeiro paso dos dirixentes políticos, que xera e alenta expectativas esperanzadoras para a comunidade universitaria e para toda a sociedade galega.