UNHA LABAZADA TESTEMUÑAL

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

20 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Un candidato á presidencia de Francia soltoulle unha labazada, ou máis ben habería que dicir un cachete, a un rapaciño, a un neno de once anos, diante dos veciños dun suburbio de Estrasburgo onde estaba dando un mitin electoral. Ademais dos posibles electores estaban alí as cámaras de televisión que captaron o xesto. Ó parecer, o rapaz intentaba roubarlle, porque metera a man no peto da chaqueta do candidato, e este respondeu ó ataque á súa propiedade cunha rapidez e contundencia que deixaron ó respetable público admirado. Admirado, si; non sorprendido nin tampouco indignado. A reacción maioritaria das testemuñas do suceso e dos que despois se enteraron del é favorable ó político, ata o punto de que o levaron a superar a porcentaxe de votos necesarios para que lle sexa reembolsado oficialmente o diñeiro gastado na campaña. Así que a cousa non lle puido saír mellor. ¿A que se debe esta reacción favorable do electorado? Unha parte dos que o felicitan pode que pertenzan á ultradereita, ós que pensan que á violencia hai que responder con violencia e que a orde está por riba da xustiza. Así, un dos líderes ultradereitistas manifestou publicamente a súa satisfacción por ese xesto que para el indica que non está «nun país de maricóns». Pero hai moita outra xente, como Bernardette Chirac, a mesmísima muller do presidente francés, que pensa que o seu xesto foi propio dun «pai de familia», é dicir, que foi un castigo xusto, unha corrección necesaria. Da mesma opinión é tamén a nai do neno, a quen lle parece mal a utilización electoral do feito, pero que recoñeceu ante a prensa que o rapaz tiña merecido a labazada, e que ela e o seu marido lle deron cada un outra ó bon do neno cando chegou á casa, aínda que puntualizaron que se trataba dunha gamberrada porque o seu fillo non é un ladrón. Teño por seguro que, hai algúns anos, a tal labazada lle custaría ó político a súa candidatura. Cando eu criei ós meus fillos, poñerlle a man enriba a un neno era cousa inconcebible nunha persoa civilizada. Mesmo nos pasamos da raia e nin sequera estaba ben visto castigar ou reprender con dureza. O neno, e o alumno na versión estudiantil do asunto, tiña sempre a razón. E agora vese que o persoal cansou de tanto aguantar, de tanto consentir e de tanta indisciplina. O éxito do político estriba ó meu parecer no carácter testemuñal que conseguiu darlle ó xesto. Non creo que fose totalmente espontáneo. A reacción espontánea de quen opta pola violencia ante un intento de roubo é responder coa maior contundencia posible, ou sexa, dar un puñetazo ou un empuxón dos que tumban ó outro no chan. E neste caso non foi así. O candidato á presidencia debeuse decatar de que era un rapaz quen estaba metendo a man no seu peto e deulle unha labazada floxiña, xusto para demostrar que a el non lle toma o pelo ninguén, e que está disposto a exercer a autoridade e a castigar os delictos. Probablemente ese tipo de político é o que está necesitando a sociedade actual como parece demostrar o incremento da súa popularidade. Pero, dende logo, eu agardaría para votalo a que repetise o xesto con alguén que, polo menos, fose da súa talla.