A FORZA DO NACIONALISMO

La Voz

OPINIÓN

O recente inquérito do CIS ofrece interesantes datos sobre as razóns que moven aos votantes do BNG en contraste cos doutros partidos. Tomados coa prudencia que merecen, parecen confirmar unhas valoracións e negar outras xusto cando a fronte está en debate asambleario. Confirmase, por exemplo, que unha parte importante dos votantes nacionalistas e socialistas poden ser conxunturalmente intercambiables. Son os que orientaron o seu voto ao partido quen lles ofrecía máis garantías de evitar a maioría absoluta da dereita ou que, temendo o trunfo do PP, querían asegurar unha oposición forte. O 31% dos nacionalistas votaron por esta razón, fronte ao 29% dos socialistas nas últimas eleccións, pero catro anos antes era o PSOE (26%) o que ofrecía máis garantías que o BNG (12%). A opción destes votantes pode mudar. Tamén parece confirmarse que o PSOE ten alicerces máis sólidos que o BNG. O que resulta coherente coas traxectorias históricas do socialismo e o nacionalismo en Galicia ao longo do século pasado. Trunfa o BNG ao ser recoñecido entre os seus votantes como o que quere ser: o millor defensor dos intereses de Galicia (28%), aínda que o PSOE pasou nesta resposta do 8 ao 15%. Claro que este tamén sería para o BNG un voto ideolóxico, aínda que minguado en catro puntos desde as anteriores eleccións. As diferenzas dereita-esquerda son mui fondas pero os datos demostran que os votantes poden atopar, como galegos, máis dun partido que defenda os seus intereses. Por último, revélase que o voto do BNG depende muito menos que antes do seu liderado. O voto ao líder pasou de ser a segunda razón máis importante dos votantes do BNG en 1997 (25%) a ser a penúltima (8,7) en 2001. A salvo dou-tras interpretacións, isto apunta cara unha consolidación desta organización que, nas últimas eleccións, tamén incrementou substancialmente o seu voto ideolóxico.