ISAAC DÍAZ PARDO
31 mar 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A conca do Jordán onde se asentaba Sodoma tiña auga. Era terra de promisión, privilexiada como as hai hoxe. Logo de botar dela a Codorlaomor e aliados, os seus habitantes sentíronse felices, e entregados a tódolos praceres corrompéronse, o mesmo que a outra vila da pentápolis palestina: Gomorra. Na conca aparecían pozos de betún. Non consta se lles tiñan querencia. A historia de Lot Na Sodoma vivía Lot, sobriño de Abraham, por tanto protexido dos deuses. Yavé-Deus non podía aceptar que na terra prometida houbese tanta corrupción e decidiuse a destruír a Sodoma e a Gomorra. Un día, no lusco-fusco, apareceron dous anxos e Lot invitounos a vivir na súa casa. Os anxos eran fermosos, como todos os anxos, e os sodomitas rodearon a casa de Lot e querían entrar para violalos. Lot non sabía que facer e decíalles que non pretendesen semellante cousa con estes seres divinos; e até ofrecíalles as súas dúas fillas para que gozasen con elas, que eran puras e aínda non coñeceran home. Mais a dramática situación a arranxaron os dous anxos cos seus poderes taumatúrxicos que representaban os do rei dos ceos e da terra, e algúns sodomitas cegaron e os outros fuxiron. Os anxos dixeron a Lot, á súa muller e ás súas fillas que tiñan que abandonar Sodoma porque Yavé-Deus dispuxera a súa destrucción o mesmo que a de Gomorra, pola dexeneración na que caeran. Advertiulles que saisen lixeiros e que non mirasen atrás. Axiña comezou a chover xofre e lume dende o ceo deica destruír as dúas vilas cos seus habitantes. A muller de Lot voltouse para ollar o espectáculo e converteuse nun bloque de sal. Trátase dunha versión aproximada dos versículos 17, 18 e 19 do Génesis. O Antigo Testamento é todo un poema, mais trascende unha gran sabiduría do que acontece na cortiza da terra e de quen a habitamos. Hoxe somos uns grandes e imparables productores de basura coa que contaminamos todo e nos vai afogando. Trátase da derradeira consecuencia dunha cadea de producción que se di para satisfacer necesidades, hipertrofiadas, inventadas, e non precisamente para servir funcións éticas e percurar unha liberdade que faga ó home cada vez millor, senón que lle percura unha liberdade para disfroitar de praceres sen límite, que se pagan con cancros e esterilidade, porque a terra ten respostas dun Yavé-Deus que ten dentro. Ansias de poder Detrás de tanta regalía de liberdades, conducidas por egoísmos perturbadores, fican ansias de poder económico para comerciar coa nosa existencia. Non hai máis que ver tódolos boletíns que están a exaltar os grandes éxitos dos poderes especulativos, dos logreiros do poder material. Hai fomento de todo aquelo que pode satisfacer os apetitos humanos, e polo fastío dos días comeza unha carreira de degradacións e andacios que nos van convertendo nun pingallo humano. Mentras o terrorismo dos poderosos durme ós máis en praceres, masacra ós máis febles para os roubar, queixándose de que os febles prefiran morrer matando. Non teño medo a ren que poida vir, mais sabendo que a historia se repite non está mal recordar o de Sodoma.