NENOS MALTRATADOS

La Voz

OPINIÓN

PABLO VAAMONDE, Vicepresidente do Colexio Médico da Coruña

05 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Resístome a amar unha creación donde os nenos son torturados, escribeu Albert Camus. Cando un neno padece acórdome desta frase. O pasado venres La Voz de Galicia daba noticia do sufrimento infantil: Unha familia que vende a un bebé en pleno centro de Santiago, unha parella de toxicómanos que mata o seu fillo de sobredose, unha nai que queima a cara da súa filla con ácido. Esas eran as noticias das primeiras páxinas do xornal. Afán de sensacionalismo, poderíamos decir, e non facer máis caso do ocurrido. Pero non son casos aillados; as múltiples formas de maltrato dos nenos suceden a diario, perto de nós. Hai datos. O Centro Reina Sofía para o Estudio da Violencia vén de presentar un informe no que revela que 11.148 nenos sufriron maltrato durante 1997-98; é dicir: 7 de cada 10.000 nenos españois foron víctimas de maltrato familiar. ¡E cantos máis que quedarían sen denunciar! Neglixencia, abandono, maltrato emocional, agresión física, abuso sexual: todas estas barbaridades suceden nas propias familias. O ano pasado morreron 19 nenos como consecuencia do maltrato. Se entendemos que os pais son aqueles que deben amar, protexer, axudar, orientar e apoiar ós seus fillos, resulta incomprensible que a crueldade cos nenos chegue a expresarse deste xeito e consiga tanto espacio nas estatísticas. Os organismos públicos teñen amosado interés por abordar este problema. Un fito histórico foi a Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989, na que se dispón, no seu artigo 19, que «os estados adoptarán todas as medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas apropiadas para protexer o neno contra toda forma de perxuizo ou abuso físico ou mental, descoido ou trato neglixente, malos tratos ou explotación». Pero de pouco valen as declaracions institucionais se todos os cidadáns non cobramos conciencia da importancia da cuestión. Non podemos ser coñecedores dun caso de maltrato e desentendernos do problema, mirar para outro lado. E ter en conta, como escribeu Umbral en Mortal y rosa que «todos os nenos son o mesmo neno, sufre un e sufren todos. Así como o meu fillo é o fillo da humanidade, eu son pai de todos os fillos, a mín mos matan, a mín mos quitan, mos abrasan».