FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
05 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Remexemos entre os libros que temos a man no noso lugar de traballo. Batemos cun que estaba agachado desde había anos entre os outros. O seu título L¿origine de l¿home desperta o noso interese. Jean Pivetau é o autor. Folleamos de primeiras as súas páxinas, antes de encetar a lectura. Chámanos a atención o conxunto das ilustracións que alternan no texto. Detemos a nosa ollada nalgunha delas. Por exemplo, no gravado dun reno da furna de Cambarelles. Na representación humana do paleolítico superior atopada en Lussac-les-Chateau. Na dun oso coberto de feridas, grupo de Trais-Féres. Comezamos a ler a seguido o contido do libro. A medida que avantamos na lectura vaise alimentando a nosa curiosidade. Parécenos que o paleontólogo que o escribiu, acadou un interesante manual sobre a historia evolutiva do home: desde os seus máis lonxanos devanceiros deica o «homo sapiens» contemporáneo. Inclúe o autor coñecementos básicos en antropoloxía, paleontoloxía e bioloxía. Coñecementos que nunha obra deste carácter deben estar presentes. Conta Pivetau, para o lector non especializado como nós, cousas ilustrativas sobre a materia tratada. Así, que hai uns dous mil millóns de anos que apareceu sobre a face terrestre o fenómeno da vida. Engadiuse á vella «litosfera» da materia inerte, unha «biosfera». Nela, a organización cumpre un papel esencial de reguladora de si mesma. Di o autor que debe entendérese como outro xeito, diferente pero ligado, do todo real que é a evolución. Sigue a informar o palentólogo francés do ocurrido despois desta aparición da vida. Como unha das súas formas máis «adiantadas», xurdiu o home hai un millón de anos. Chega a se constituír máis tarde no «homo sapiens» da época contemporánea. Resultan atraíntes para os non iniciados, as noticias e argumentos dos que se vale o autor do libro para formular a súa axeitada exposición. Advirte que nesa nova capa evolutiva, a característica definitoria é a reflexión ou o psiquismo ó maior nivel. Seguindo a Tailhard de Chardin, denominada «noroesfera». Argumenta Pivetau que unha vez clarexado o seu pasado, sitúanse as súas posibles proxeccións no porvir. Dacordo cos ensinos da paleontoloxía, sinala unha transformación do psiquismo noutra de maior poder. Unha nova etapa «que será a obra do home». Despois de dobrar a última folla do estimable manual, parécenos que constitúe un bo referente de estudio sobre «l¿origine de l¿homme». Ven ser un útil material divulgatorio dos apaixoantes problemas e solucións que a revolución trae aparellados. Resulta así un texto doado de lectura, mesmo de seriedade científica. Del non están ausentes as aperturas cara o filosófico que o estudio do quid do home implica. A obra, polo demais, cita unha bibliografía sumaria proveitosa. Complétana as úteis reproduccións gráficas, que arrequecen a súa claridade.