CARREIRA DE OBSTÁCULOS

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

16 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Referíndose ó proxecto de implantar de novo a reválida no Bacharelato, unha dirixente do Partido Socialista dixo moi indignada que «queren facer do ensino unha carreira de obstáculos». Supoño que calquer pretexto é bo para exercer de oposición e desgastar ó rival, pero a verdade é que podían andar un pouco máis atinados no que din: ¿que outra cousa pode ser o ensino senón unha carreira para vencer os obstáculos da ignorancia? O preocupante do asunto é que a frase revela unha actitude que dende hai anos é xeral no mundo do ensino: a de encirrarse en que todo se ha de aprender sen esforzo. Primeiro empezaron coa teima do lúdico, ¿lémbranse? Os nenos na escola tiñan que aprender divertíndose, había que converter as materias de estudio en xogos para que non se aburrisen. E cantas menos letras, mellor, todo a base de debuxos e imaxes. Da escola a idea pasou ós institutos, favorecida pola brillante medida de non suspender e pasar ó curso seguinte aínda que o alumno non alcanzase á calificación de suficiente. E dos institutos pasou ás aulas universitarias a onde os alumnos chegan cada vez máis divertidos e ignorantes. Temos un ensino público botado a perder porque dende hai vinte anos todas as reformas docentes van en contra dunha lei universal: a vida humana é unha carreira de obstáculos, todo o desenvolvemento do ser humano e da colectividade é unha loita para superar dificultades. E para destacar en calquera actividade ou disciplina, sexa intelectual ou non, tanto que se trate dun deporte, dunha labor de creación ou de estudiar unha carreira, hai que esforzarse. Sen esforzo e sen disciplina non se consegue cousa de proveito. Esto, que parece tan elemental, polo visto non o é para moitas persoas, que, por desgracia, teñen poder para influír coas súas ideas e posturas no desenvolvemento da docencia. A reválida non mellora por si soa a calidade do ensino, pero é un estímulo para o esforzo, como tamén o é a existencia dunha calificación ó final dun curso. E tamén é unha criba, cousa necesaria para manter o nivel de esixencia na docencia. Ninguén protesta de que a un deportista se lle esixa determinada marca para acceder á alta competición; é natural. Ou dás a talla ou quedas fóra. Pois o ensino non ten por que ser diferente. As oportunidades han de ser as mesmas, non debe existir unha diferencia baseada en razóns económicas, pero si en razóns intelectuais. A reválida, como a selectividade, ou calquera proba de acceso, é un obstáculo, non cabe dúbida, pero eso non é un motivo para rexeitala. É algo que hai que superar para acceder a un nivel superior do ensino. Non se necesitan cartos, nin poder, nin influencias, nin recomendacións, nin enchufes, nin sequera ser moi intelixente para superalo. Só se require algo que está ó alcance de todo o mundo: ganas de traballar.