GLOBALIZACIÓN

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

04 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Un xornal anunciaba estes días as medidas que se ían tomar en Galiza para impedir a protesta, e deter, aos antiglobalizadores que poideran contradicir o Foro de Ministros que se vai celebrar en Santiago. Así, como eu estou en contra desa globalización que nos queren meter a presión, e aínda que eu non vou a manifestacións, estou a me ver no cárcere, e acó os agardo, pos así terá máis significado a miña oposición. Claro está que eu non estou contra todas as globalizacións formais, pois hai globalizacións que veñen producíndose espontaneamente dende tempos inmemoriais, sobre todo as ue afectan a procesos mecánicos, e non aos beneficios egoístas duns cantos, nin ao carácter diferencial da cultura dos povos. Non; a globalización á que me opoño, sen pretensións, claro, de que se me faga caso, é esa que nos ven da mao do neoliberalismo promovida polos poderosos para que se globalice o comercio, pos así os que teñen máis poden quedarse facilmente co dos que teñen menos. Tamén queren globalizar as finanzas, aínda que esto ven ser o mesmo: liberdade para vender e mercar cartos. E os que mandan no mundo, como teñen máis, xogan sempre con vantaxe, e semper gañan. ¡Mira ti no que o neoliberalismo converteu a democracia! A nota de prensa que anunciaba as medidas de seguridade para ese Foro de Ministros dicía que ían combater, entre outros, aos antiespañolistas (non lle faltaba máis que defenderse do contubernio xudeo-masón comunista para saber quen a redactaba sen que lle puxeran as firmas). O certo é que responde ás intencións totalitarias de quen están a converter a democracia nunha farsa. Tratarase, naturalmente, dun Annual Meeting, dun World Economic Forum, por suposto todiño en fino inglés, que é a fala dos que mandan, aínda que, curiosamente, defendendo tanto o da globalización o Reino Unido non aceptou a moeda única europea. Pola contra, acó contei máis de cuarenta palabras inglesas que circulan entre as institucións galegas, co silencio cómplice deses que queren defender o galego paladino contra o galego que quedou e evolucionou en Portugal. En realidade o que se está a facer é que logo do de Filipinas e Porto Rico compre agora vender os valores patrios da reserva cristiá de Occidente que fican na España aos Estados Unidos, que son os que poden pagar millor. Coido que pouca solución vai ter o mundo se desta non se remata co máis negativo do neoliberalismo, e o povo dos Estados Unidos non é quen de recoller os tentáculos do seu Goberno e, sen esa nefasta política de dar esmolas, acepta que o terrorismo non se vai acabar se antes non acaban as causas inxustas que o xustifican, ese outro terrorismo de colo duro. As contradiccións nas que se debate hoxe o mundo, cun gran avance das ciencias e das técnicas, que son utilizadas tamén polos opositores para dinamitar ese mundo, difícilmente se van poder superar se non nos baixamos do pedestal coa nosa soberbia e a petulancia da nosa riqueza e da nosa forza. Cando hai seres humanos dispostos a se inmolar ara nos combater, é que algo estamos facendo mal, e o futuro non vai ser precisamente noso, que sabemos matar masivamente e asasinar con poderosas armas para resolver problemas, mentres nós non nos arriscamos a xogármonos a vida para defender o noso invento.