MACARISMOS

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CHAO REGO Ó ABEIRO DA FE

01 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Macario en grego significa feliz e macarismos é o nome técnico das benaventuranzas, que eu prefiro denominar venturas e venturosos ós que a Biblia galega chama ditosos. Tampouco me gusta a denominación de Sermón da montaña (Mt 5,1-12), porque os sermóns adoitan ser moralizantes e aquí batemos cun texto difícil, imposible de cumprir. Christian Duquoc atribúelle o estatuto de parábola: sobre o comportamento de Deus: «Sede perfectos como o voso Pai celestial é perfecto». «Venturosos os pobres de espírito», tal como se traducíu tradicionalmente, é unha frase que deu moito para a discusión. A Biblia galega traduce: «os que teñen espírito de pobres», e a española «os que elixen ser pobres». Versións diversificadas que demostran a dificultade da traducción do orixinal: ¿son pobres sociolóxicos, economicamente débiles, ou pobres espirituais: os que teñen disposición para a pobreza? A orixe destes desacordos está nun texto co que o terceiro Isaías (Tritoisaías) alentou no desterro: «O Espírito do Señor está sobre min, porque o Señor me unxiu para anuncia-la boa nova ós pobres» (Is 61,1). Hoxe este macarismo témolo que revestir de consistencia práctica e de compromiso político-social, cando existe unha globalización que xa non conta con pobres, senón con empobrecidos, nin tampouco con marxinados, senón simplemente excluídos, sepultados, como di Vivian Forrestier, no horror económico, pois nin traballo hai.