APOIOS PARA TODO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

31 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte citei aquí a Daniele da Volterra, o pintor que pasou á historia da arte por ser o encargado de poñerlle velos e taparrabos a algunhas das figuras que Miguel Anxo pintou na Capela Sixtina. Non falei en cambio do ladilla de Pietro Aretino, aquel senvergonza desorellado, chantaxista, poeta erótico e pornográfico, que estivo a punto de ser cardeal, e que se vingou do gran pintor porque este nunca lle quixo regalar un cadro. A vinganza consistiu en facer unha campaña contra os corpos espidos da Capela Sixtina, tratando de convencer ó papa de que aqueles eran máis apropiados para un baño que para un templo. ¡Aretino escandalizado! É unha das grandes tomaduras de pelo da historia da humanidade. Algo parecido a Edgard Hoover, o xefe do FBI durante anos, que buscaba políticos homosexuais debaixo das pedras e dicía que era aquel un vicio que lle producía noxo, cando el mesmo era homosexual, segundo se soubo despois da súa morte. Organizaba orxías na casa. A Kennedy fíxolle saber que coñecía os seus líos de saias e que eran inmorais. Esa cousa boba que lle entrou ó Fiscal Xeral dos Estados Unidos de tapar as partes espidas dunha estatua non é nin nova nin rara no seu país. Eu aínda recordo o follón que se armou alá polo final dos anos sesenta cunha reproducción do David de Miguel Anxo situada nun parque público en California, cando as autoridades ordenaron quitarlle a folla de figueira que lle colocaran trinta anos antes. Houbo grandes protestas. Algo parecido pasou noutra ocasión cunha Venus de Milo, que unha señora indignada se empeñou en cubrila cunha edra. Tivo apoios. Sempre hai apoios para todo, pero especialmente para este tipo de estupideces.