XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
29 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Refírome a Antón Beiras García, o ilustre oftalmólogo santiagués, coñecido, entre algúns especialistas, por se-lo inventor do vigoscopio, artificio que se propuña cura-lo estrabismo dun xeito eficaz e sinxelo. Frustrouse a investigación coa súa prematura morte, o 2 de abril de 1968, ós 51 anos de idade (nacera en outubro de 1916). A el dedicou o seu sobriño Xosé Manuel Beiras un libro moi importante no seu tempo, O atraso económico de Galicia (Galaxia, 1973): «Ao meu tío Tucho, in memoriam». Antón Beiras, que militaba no galeguismo de esquerdas antes de 1936, foi sempre un esquerdista, tanto que nos últimos anos da súa vida era un marxista non alleo ás actividades do grupo de intelectuais comunistas vigueses (Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Alexandre Cribeiro, Fernando Alonso Amat...). Pero era un marxista con acento galego, tanto que el e a pedagoga Antía Cal (casaron en 1947), arredor de 1950, estableceron o galego como lingua da familia (pais e fillos). Que unha familia de universitarios residentes na cidade asumise (sistematicamente e con este nivel de conciencia) esta práctica idiomática, era un feito novo, inédito, na historia da normalización do galego. Neses anos (arredor de 1950), Antón Beiras, sempre que pode, emite signos en favor da causa do galego e da súa normalización. Consérvase na Real Academia unha carta de Antón Beiras na que felicita á institución por unha declaración pública que esta fixo en defensa (da existencia) do galego. A carta é de hai cincuenta anos, do 25 de outubro de 1952, razón pola cal, no título deste artigo, falo dun cincuentenario. Máis que a felicitación, o que verdadeiramente interesa na carta de Antón Beiras (que tamén subscribe Antía Cal) é unha proposta que fai á Academia en datas tan míseras: que a institución se decate de que hai que «levar o galego ós centros docentes». A proposta, formulada no ano 1952, era case temeraria. Por iso cómpre celebra-lo cincuentenario. Antía Cal e Antón Beiras, que xa normalizaron o galego nas relacións do fogar, eran moi conscientes da importancia do galego na escola, proposta, tal como era o franquismo da época, tan inxenua como entusiasta. O certo é, sen embargo, que, poucos anos despois, o idioma galego tivo certa presencia no colexio Rosalía de Castro, que dirixiu Antía Cal. O colexio non só estaba baixo a advocación da gran escritora galega, senón que as aulas denominábanse Castelao, Pondal, Manuel Murguía, Irmandiños... De Antón Beiras cómpre salientar un feito moi significativo na historia do galego como lingua vehicular da ciencia: a publicación na revista da Academia Médico-Cirúrxica de Vigo do Ensaio pra mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo. Era o ano 1958.