LONGA NOITE

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CHAO REGO

26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O antropólogo Gilbert Durand afirma: «Semanticamente falando, pode dicirse que non hai luz sen tebras, mentres o contrario non é certo: a noite ten unha existencia simbólica autónoma». Engade que as tebras nocturnas constitúen o primeiro símbolo do tempo; en case que tódolos primitivos, coma entre os indoeuropeos ou os semitas, cóntase o tempo por noites e non por días. As nosas festas nocturnas, a noite de San Xoán, Nadal e Pascua, serán a supervivencia dos primitivos calendarios nocturnos. A noite negra aparece, logo, coma a substancia mesma do tempo. Pero a noite pode ser fecunda, maternal. En parágrafo tenebroso-luminoso, o profeta Isaías (9,1-4) denuncia a crueldade do exército asirio, a bota que pisa con estrépito, que no ano 722 conquista Samaría, capital do Reino do Norte e desterra ós israelitas esfarelándoos. O profeta alenta: «O pobo que camiñaba en tebras viu unha luz grande; habitaban terras de sombras e unha luz brilloulles». Galicia vive preferentemente baixo o réxime nocturno da imaxe. Somos máis fillos da lúa ca do sol, resultado da nosa condición climática bretemosa e dunha orografía de espacios reducidos. Temos que ir pasando da noite ó día... Quen viva a noite pecha do desespero, lea o poema de san Juan de la Cruz -noche oscura-, experiencia común ós místicos. Cultiva-la esperanza agardando polo novo día... (Salmo 130).