MANUEL REGO NIETO
25 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.No País Vasco dimiten concelleiros por medo e desertan xuíces cara outras autonomías. ETA anda a bombazos contra todos en Bilbao, cecais buscando aquelo de canto peor, mellor. ETA comezou a súa andaina de terror seleccionando ás víctimas, arroupada por boa parte da poboación, que sempre apostillaba: «algo habrá hecho...»; eran outras circunstancias, pois a dictadura mallaba a todo o que soara a vasco. Aínda quen esto escribe, endexamais aprobou a loita armada, por razóns ético-políticas. Nesto de pegar tiros, sábese como se comeza pero nunca como se remata. É moi difícil parar, xa que logo, os terroristas en rarísimos casos conseguen o que pretendían. O alcalde de Bilbao dixo tras o atentado bestial que non había nada que facer con esa xente. Diagnóstico clarividente dun nacionalista. Se tódolos políticos do PNV pensan e din o que Iñaki Azkuna, haberá que concluír que os pais distes libertadores da causa vasca teñen poucas luces, aínda que á inversa, como os gudaris da bomba e tiro na caluga. A violencia non desemboca na paz que pretenden asegurar, ó dicir dos líderes batasunos; antes ó contrario, van enchendo de odio á cidadanía e pechando o camiño á convivencia.