BENXAMÍN CASAL
24 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Cando España ía ben, e ás eléctricas se lles deu un billón de pesetas (6.010,12 millones de euros), ós funcionarios non se lles permitiu participar da bonanza económica. Este ano, cos arredondeos do euro, a estimación da inflación á baixa, para o cálculo dos incrementos nos salarios, e a suba dos impostos indirectos, aínda perderán máis poder adquisitivo e de novo síntense agraviados polos políticos. Tanto funcionarios como políticos son servidores públicos, uns porque elixiron a carreira administrativa e outros porque, nun determinado período da vida, decidiron poñerse ó servicio dos cidadáns. Por isto, deberan ter boas relacións. Sen embargo, as campañas de desprestixio ás que se ven sometidos os primeiros, as continuas chamadas á privatización de diversos sectores públicos, os recursos contra as subidas de soldo decretadas polos tribunais e a negativa a considerar a actualización dos seus salarios, teñen provocado graves desencontros entre eles. As tendencias privatizadoras comezaron co desprestixio dos empregados públicos, ós que se acusou de lentos, ineptos e vagos. Inxurioso, xa que se é certo que o traballo no servicio público é máis lento ca no privado, non se di que tamén é máis fiable, máis sólido e máis fundamentado, nin se lembra que algúns traballos privados teñen rapidez e calidade porque foron copiados doutros xa existentes na Administración. E se é certo que non todos renden o que deberan, cómpre saber que moitos chegaron a esa situación despois de ser desincentivados ou pospostos sen xustificación. Os funcionarios foron sempre garantía de estabilidade do aparato administrativo, fiabilidade técnica, alta profesionalidade e neutralidade política, e o intento de facelos chivos expiatorios de todos os erros ataca a carreira administrativa e pon en dúbida eses valores. Son exemplos desa actitude: o retardo das enquisas do CIES nas eleccións vascas e o descontrol da CNMV, no caso Gescartera, que de primeiras achacáronselles a eles e despois sóubose que non era da súa responsabilidade. A Administración Pública rematará por parecerse a ese esperpento creado con intencións espurias, se se consinte que, na elección de persoal, o mérito e a capacidade se substitúan pola obediencia e a pronta sumisión, a lealdade institucional pola persoal, o sometemento ás leis pola vontade do político de quenda, e se permiten os ceses arbitrarios dos capacitados para reemprazalos por incapaces obedientes. Pero, como á longa a credibilidade dos propios políticos está ligada á fiabilidade dos funcionarios, é de esperar que, nalgún momento, terá que abandonarse esa práctica de trasladarlles a carga dos erros e fuxir dos contratados fieis para voltar ós de carreira escollidos por métodos imparciais e de garantía.