FACER POLÍTICA

La Voz

OPINIÓN

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

23 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O encontro do presidente de Galiza co líder opositor do BNG suscitou unha gran polémica que, en si mesma, pon en evidencia a situación anormal do feito político galego. Unha entrevista, políticamente normal, pasa a ser algo extraordinario. Hai diversas maneiras de interpretar a política. Calquera persoa que actúe nalgunha das diversas facetas da sociedade, está facendo política, aseguran desde un punto de vista. Outra visión adopta un carácter máis restrictivo e limita o eido político ás persoas que xestionan e que ocupan cargos na administración pública. Esta última é a acepción de Weber, quen, dando por supostos os aspectos ideolóxicos e os fins sociais, afirma que o político é unha actividade de xerencia da res publica. No extremo oposto sitúase a elaboración do feito político da Escola de Francfort que incide en que a política é todo, atinxe a todos os aspectos da realidade, que vivimos inmersos na política, que incluso o que respiramos é política. Así interpretou a política a esquerda europea e americana durante boa parte do século XX, vinculando o político a calquera influencia de poder en ámbitos diversos, e que tivo o seu punto de inflexión no maio do 68. Este concepto de política segue primando no nacionalismo galego, forxado nos duros tempos da dictadura, fortemente ideoloxizado e tendente ao entusiasmo e, mesmo, ao exabrupto; un ímpetu romántico inferido pola tradición, pola mesma resistencia ao réxime e, tamén, pola ausencia de interlocución política e de constatación real na escura noite dictatorial. Daquela cando diciamos pobo, enchíasenos a boca de vontade popular con sabor gostoso. Agora que o pobo vota e comprobamos a súa opinión, a palabra sábenos máis amarga. Pero non por iso deixa de ter adictos, como o mate arxentino. Esa constatación, máis alá do desencanto, debe conducir á acción política. Lonxe do empuxe romántico, o entusiasmo debe ser substituído pola coherencia racionalista e a necesidade política. Cómpre recoñecer que os partidos nacionalistas, especialmente en Galiza, seguen funcionando cunha ideoloxía moi marcada, nalgúns puntos conformada en tempos pasados, con realidades moi diferentes ás actuais; unha ideoloxía que, en certos aspectos, pode entrar en controversia coa modernidade. Ademais, a concepción política francfortiana pode caír nun movemento difuso, con termos definitorios moi amplos. No caso do BNG isto increméntase pola mesma condición de Bloque onde caben tendencias que van da esquerda decidida á direita benefactora, oenegué, social e políticamente correcta. Pola contra, o aspecto xerencial, clave da política weberiana, non está debidamente especificado. De feito, houbo quen atribuíu a baixada de votos das últimas eleccións a unha deficiente xerencia naqueles concellos onde goberna o BNG. Isto, dito coa humildade de quen non é especialista, debería levar ao BNG a realizar axustes teóricos e prácticos. Volvo ao asunto inicial da reunión entre Beiras e Fraga. A arrogancia deste último explícase pola maioría parlamentaria, por máis que politicamente non se xustifique. No goberno central comprobamos como Aznar botou man dos nacionalistas na anterior lexislatura porque os necesitou; ao acadar maioría, na etapa actual, aqueles compañeiros foron demonizados. Así son as conveniencias políticas. Ignoro cales poden ser as de Fraga agora. Sexa como for, a política galega necesita normalidade e o BNG non debe desaproveitar a ocasión. Un sistema parlamentario eficaz necesita a palabra clara, os argumentos convincentes, a comunicación, o diálogo, os pactos. Isto non aminora, senón que facilita a firmeza de criterios e redunda en beneficios colectivos.