CARLOS CASARES
21 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Cando eu era neno, os únicos equipos de fútbol que contaban con afeccionados en toda España eran o Atlético de Bilbao, o Barcelona e o Real Madrid. Os vascos caíanlle ben a todo o mundo, en parte porque tiñan fama de seren xente nobre, ademais de que resultaba simpático que non fichasen a xogadores de fóra do seu propio país. O Barcelona, como equipo potente, aspirante a conseguir a liga cada ano, atraía a moita xente desa que se apunta a cabalo gañador. Eso mesmo sucedía co Madrid, pero moito peor, porque o club merengue empezou a conquistar corazóns cando se puxo a conseguir títulos europeos sen parar. Na miña vila, sen embargo, había tamén algúns forofos do Atlético de Madrid. Creo que eso tiña que ver coa lenda, penso que falsa, de que un adestrador do equipo local fora xogador do Atlético Aviación, antecedente do club colchoeiro, se non estou mal informado. Entre os forofos deste último había un rapaz que se apuntou porque Vavá lle firmou un autógrafo, non recordo se en Vigo ou na Coruña. O caso é que quedou trasposto. Tanto que deu en chamarse a si mesmo co nome do xogador brasileiro, o cal lle ocasionou a rechifla de moita xente, que por afinidade lle puxo o alcume de Vavá Baboso. A nomeada duroulle, polo menos, ata que marchou para Buenos Aires e de alí para Río de Janeiro, onde vive. Acordeime onte del, cando lin nos periódicos a noticia da morte de Vavá, esquecido de todos, postrado nunha silla de rodas, comido pola miseria, acompañado no seu enterro por menos de duascentas persoas, el que fora un ídolo para varios millóns. Quero pensar que nese grupo de devotos estaría aquel rapaz da miña vila. Sería triste que non fose así.