A ESMORGA

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

21 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Con motivo da pubricación da novela de Eduardo Blanco Amor A Esmorga pola Biblioteca 120 Galega de La Voz de Galicia, coido que convén contar algunhas circunstancias relacionadas coa edición príncipe desta excepcional obra. Eduardo era un vello amigo da miña casa. Meu pai viña colaborando con el na súa revista Celtiga dende a súa fundación en Buenos Aires. Cando Blanco Amor volve a Galiza por primeira vez dende que marchara á emigración é visitante habitual da nosa casa. Meu pai o puxo en contacto cos amigos galeguistas e republicanos da Coruña e coa miña tía Lolita Díaz Baliño que, desafortunada e desorientada, enamorouse tolamente de el. Nun segundo viaxe no que estará en España até decembre do ano 1935 ven, igual que no primeiro, como corresponsal de Celtiga e de La Nación. Vaise co temor do que pode pasar en España. Foi neste último viaxe no que tivo moita relación con García Lorca, e deixaballe a Anxel Casal os Seis poemas galegos do granadino, co fermoso limiar que lle fixo. Home inquebrantable co seu republicanismo e a causa de Galiza, o pilla a Guerra Civil en Buenos Aires, onde exercerá de Cónsul da República os tres anos que durou a contenda. Cando no ano 55 chegou a Buenos Aires Núñez Búa dime que Blanco Amor sabe que vou, e advírteme que me invitará á súa casa e debo aceptar pois os badocos dun clan de galegos o teñen moi abandoado. Cumplín co mandato que me dou Núñez Búa, do que fixen un relato na Fotobiografía de Xerais no 93. Cando volvo a Galiza no 56 Blanco Amor faime portador do orixinas de A Esmorga pra que lle faga ilustracións e llo entregue a Galaxia. Paco del Riego tomou un gran interés por esta obra, e en pucos meses A Esmorga estaba composta e, coas súas ilustracións, xa fora entregada á preceptiva Censura, que era como a esixía. Un mes logo, Paco comunicoume, laiándose, que a Censura rechazara de plano a totalidade da obra. Axiña voltei a Buenos Aires coas galeradas cosidas e pegadas xa como un libro. Eduardo, que sistemáticamente se queixaba do desatendido que o tiñan e da persecución que se inventaba, tomaba este atranco como formando parte de elo, sen ter en conta a gran perda que o lerio supuxo pra Galaxia, e sen decatarse que o mal da Censura o sofriramos todos. Luis Seoane tomou a cousa da súa man e a primeira edición de A Esmorga fíxose en Citania, coas ilustracións miñas e a cuberta de Luis Seoane. Mais a suposta persecución de Blanco Amor, ainda iba ter outro atranco coa Censura, esta vez menor. No ano 72 -xa Eduardo estabe en Galiza- Paco del Riego decidiuse a publicar outra obra de Blanco Amor, Xente ao lonxe, e ainda que o franquismo estaba agonizando, outra vez a Censura prohibeu partes do texto e a maior parte das ilustracións, que tamén fixera eu. A gran novela galega que é A Esmorga tivo un lote de edicións e traduccións, igual que as outras obras de Blanco Amor. A versión castelán, traducido o título como La Parranda, coido que non representa o contido da obra, moito máis dramática, singular e profunda que unha parranda. Póñase na lingua que se poña, incluida a portuguesa, non debe de traducirse o título, pois que a esmorga é algo moi galego e non ten traducción e só pode deducirse do contido da novela.