ARXENTINA

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL Ó MEU VER

10 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Durante anos os galegos dirixímonos a Arxentina na procura dun futuro mellor. Integrámonos nesa República e achegamos a enerxía da nosa xuventude para axudar a facer ese grande país. Tantas raíces temos botado aló que con orgullo a chamamos a quinta provincia galega. A realidade arxentina, hoxe, parece a dun país esquilmado pola voracidade das súas clases dirixentes, cos seus sectores estratéxicos privatizados a prol de empresas estranxeiras, e cuns sindicatos que acosan con facilidade ás institucións, superando con moito ás marxes tolerables nas democracias. Para a saída desta crise precísanse renuncias e xenerosidade destes grupos, que, sen embargo, semellan non estar dispostos a ceder ningunha das vantaxes conseguidas. As presións ás que se viron sometidos os diversos gobernos arxentinos para que non devaluasen, revela posicións do capital pouco solidarias cunha grave situación na que o peso xa valía realmente menos co dólar, por máis que oficialmente se seguira coa paridade. É certo que empresas españolas poden sufrir perdas conxunturais, pero as perspectivas a prazo medio non parecen ser inquedantes e xa que logo resulta obrigado que asuman os riscos do presente, non só por solidariedade, senón pola propia responsabilidade empresarial. Enfróntase unha crise política e económica que desemboca en desordes sociais, pero non unha situación de miseria. Cando, no final dos noventa, o inverno golpeou ás repúblicas soviéticas, eran impresionantes as colas nos lugares onde se repartía unha sopa quente. En Abisinia, coa última seca, as multitudes, empuxadas pola fame, abalanzábanse sobre os camións que transportaban alimentos. En Arxentina, afortunadamente, as colas fanse á porta dos bancos e a xente, que ataca os supermercados, lévase electrodomésticos e botellas de viño. A crise ten un fondo calado institucional. Nela están involucrados partidos políticos, sindicatos, empresas e traballadores. Nin De la Rúa, vencedor das eleccións, hai dous anos, nin Duhalde, o perdedor daqueles comicios, teñen capacidade por si sós para superar a focha. O país ten riqueza e capitais humanos de abondo, pero xa se viu que non son suficientes os intentos de só unha parte das institucións implicadas no conflicto. A solución non pode vir do FMI, senón do propio país. Estamos diante do caso no que cómpre un goberno de concentración nacional que expoña ás forzas sociais a gravidade da situación, comprometéndoas nun pacto que posibilite a realización dun plan de estabilización e de recuperación económica, con garantías de transparencia e control. Se seguen uns na Casa Rosada intentando gobernar e outros co boicot, Arxentina continuará afondando a súa desgracia.