OS «CUXOS» E «CUXAS», ADXECTIVOS

La Voz

OPINIÓN

XESÚS FERRO RUIBAL, MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

10 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Para un filólogo latino a historia de cuius é moi interesante e non o é menos para un filólogo románico, porque tivo unha vida e descendencia moi movida. Aínda debía ter algunha vitalidade no uso oral na Idade Media, se valen os cinco exemplos dos nosos Cancioneiros: E todavia seed'' acordado;/ se algun ome pelejar quiser/ aqui con outren, seja cujo quer,/ aqui punhad'' en seer esforçado; (Airas Perez Vuitoron: B1482; V1093). d''aquesta terra u est a melhor/ de quantas som, e de cujo loor/ nom se póde per dizer acabar. (Don Denis: B0498; V0081). ca voss'' amor me forçou assi/ que por vosso vou,/ cujo sempr'' eu ja serei. (Don Denis: B0547; V0150). Mars e Saturno, mal aventuradas,/ cujo poder trax en si encoberto: (...) mais das outras que lh'' andan en contrairo,/ cujo poder ainda sobr'' el dura, (Estevan da Guarda: B1325; V0931). O certo é que este adxectivo relativo, que probablemente xa o fora no indoeuropeo antes de ser en latín un xenitivo, foi desaparecendo do uso oral ata extinguirse. «Non existe no galego moderno», di a Gramática galega (1986) de tres profesores do ILGa (Álvarez, Regueira e Monteagudo). Tampouco en castelán se rexistra na lingua oral, pero, en cambio, o seu uso escrito vén medrando maiormente dende fins do XVIII. Ese é o primeiro problema: hai frases que, pensadas en castelán (de cuyo nombre no quiero acordarme), son difíciles de traducir porque son asimétricas coas correspondentes galegas. O segundo problema é que os nosos libros de gramática aínda non sistematizaron tódalas alternativas que a lingua galega viva ten para o cuyo castelán. Pero, como no portugués escrito tamén existe cujo, en vez de rompe-la cabeza para encontra-la forma galega de dicilo, búscaselle acomodo na Norma. No cadro adxunto vese a diferencia entre as Normas e a Proposta. Como se ve, en 1982 non existía o adxectivo relativo cuxo. En 1986, ano da aludida Gramática, tampouco. Foi nestes últimos 15 anos cando renaceu o cuxo. Ninguén dixo cando nin onde. Na aludida Gramática xa se constataba a existencia de «tentativas de restaura-la forma cuxo/cuxa por vía culta». Cando a concepción de cultura implica os conceptos de urbano e escrito, a manipulación lingüística parece doada de facer nun despacho; o caso é que a realidade da lingua é máis plural e, dende logo, é esencialmente social e oral. No caso do galego a reinvención de cuxo/cuxa choca non só co feito de que ninguén o di, senón co feito de que na nosa lingua as palabras cuxo, cuxa, cuxos e cuxas existen pero como substantivos. Polo menos, están vivas en 53 concellos de Galicia, segundo indica o mapa. Deste xeito un alumno de Aranga escribiría «mataron a cuxa cuxa nai morreu de encefalopatía», pero os seus pais na casa dirían «mataron a cuxa á que lle morreu a nai». Non ten ningún sentido que unha Academia cargue a Norma con palabras que ninguén di ou que as di pero cun valor gramatical e léxico que nada ten que ver co que se propón, simplemente por nos achegarmos ó portugués (que neste caso se achega ó castelán). O culteranismo afasta a lingua do uso, crea inseguridade nos falantes e é unha forma de expropiárlle-la lingua. A lingua sen os falantes non é nada, polo tanto o culteranismo como criterio académico non vale e como actitude social é reaccionario. ¿Vese a importancia do inciso colocado nos Principios dándolle ó portugués a categoría de recurso fundamental?