TRES MESES DESPOIS

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

07 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Cumpriranse o próximo martes. No corazón do sistema queda un enorme buraco, e máis un toco xigantesco, cunha agulla de cascallo e ferros máis alta ca bastantes dos edificios próximos. Tamén hai un estaribel con bandeiras polo que pasan visitantes ilustres, e turistas, cun plató permanente de televisión. A máquina segue movéndose. Pero onde noutrora se alzaba a verticalidade máis poderosa, impresiona agora a desolación, o abraio, unha certa sensación de pasmo e sorpresa difícil de describir. De cando en vez recibo correos dos meus amigos Patricia Ostolaza e Juan Fierro, xornalistas en Washington e Nova York. Os nenos rezan tódolos días nas escolas pola victoria. A sociedade norteamericana non dá asumido a súa propia fraxilidade. Só hai un nacionalismo non sospeitoso, o nacionalismo USA, nunca tan radicalizado nin tan belixerante. A prensa (sobre todo a TV) cerra filas arredor das estratexias informativas do Goberno. Para saber algo hai que buscar en Internet ou conectar cos medios europeos. Onte, as tropas da alianza contra o réxime talibán entraron en Kandahar. De Ben Laden ninguén sabe nada. «Será unha guerra longa», dicían nos primeiros días os portavoces da Casa Branca. «E sucia». Tres meses. Doce semanas. E un ten a sensación de que pasou unha chea de tempo. En realidade, é así. Einstein demostrou que todo é relativo: a distancia, a luz, a velocidade, as emocións... O filósofo Bergson (1859-1941) falaba de dúas clases de tempo: o tempo físico, que miden os reloxios, e o tempo psicolóxico, que é o tempo real, porque é o que inflúe en nós, o que verdadeiramente sentimos, experimentamos, celebramos ou padecemos. En tres meses mudaron cousas (actitudes, prospectivas) que parecían inamovibles. «O futuro xa non é o que era», titulan González e Cebrián estes días. ¿Ou si? Se cadra eramos nós os que non viamos o futuro. Ou teimabamos, tozudos, en querer velo á nosa maneira, segundo a nosa comenencia, que é a comenencia (e os intereses) do 10% da Humanidade feliz, autocompracida e ignorante, xa que logo, do resto das poboacións, culturas e seres humanos que habitan o planeta, e que son unha inmensidade. Algo non funciona, certamente. Ou funciona mal. E deberiamos ser quen de detectalo. Por primeira vez en bastante tempo participo nunha mesa redonda na que alguén dende o Poder, falando de futuro, recoñece que se cadra o enfoque non está a ser o correcto. Foi en Madrid, na Universidade Complutense. Falabamos de globalización, de crecemento económico, da estabilidade do sistema (que necesariamente debe contemplarse no conxunto mundial, non en compartimentos estancos). Falabamos de Europa e da desregulamentación, e mais da escalada de doutrina neoliberal (a dictadura dos mercados) que presidíu, coma unha panacea, o discurso político dos últimos tempos, tal que unha apisonadora. ¿Ata que punto o sistema atura sen se quebrar as inxustizas, os desequilibrios, as diferencias abismais que, lonxe de correxirse, se están a radicalizar cada vez máis entre os seus distintos elementos (comunidades, seres humanos, economías locais ou rexionais)? ¿Ata que punto os políticos poden seguir entregando nas mans dos mercaderes (Maastricht) as súas responsabilidades, os seus proxectos de futuro? «Algo non estamos facendo ben», recoñece o meu interlocutor. Seguro.