AS CAUSAS XUSTAS DA LIBERDADE

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

02 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A palabra liberdade engaiola moito contra calquer forma que se nos poña diante. Hoxe ten prestixio porque o mundo remata (pois para o caso 60 anos non é nada) de vencer a unhas tiranías ao grito de ¡Liberdade! Mais eso da liberdade, o mesmo que o da democracia, poden ter algún valor en función das causas xustas que aporten. A liberdade é unha forma oposta á servidume. As servidumes hainas de moitas formas e cores; ás veces nos liberamos dunha e caemos noutra pior, como a frecuente demagoxia. Con eso da democracia non debemos esquencernos que algunhas tiranías chamábanse democracias orgánicas, e hoxe hai de todo. O que importa é que tanto os termos democracia como liberdade aporten xustiza e beneficios á sociedade, a todos en xeral, aínda que sabemos que non somos todos iguais e non contribuímos do mesmo xeito a facer a tarta. Hoxe vemos que uns o teñen todo multiplicando por millóns as súas necesidades, entramentres outros non serven máis que pra pasar fame, e se protestan masacralos polos poderosos, que, en xeral, nos enlean con eso da globalización. O neoliberalismo é o mesmo liberalismo de hai tres séculos, mais as condicións que o xustificaban onte teñen cambeado. Entón Europa non era capaz de soster unha poboación de 250 millóns de seres, e hoxe Europa mantén a unha poboación de máis de 600 millóns, e aínda lle sobra producción do sector primario para exportar. O concepto liberal non variou e o autoabastecemento da Europa arruinou a países latinoamericanos. Países ricos que teñen medrado en número no chamado mundo occidental non fixeron máis que empobrecer ao sector dos países pobres, aos que de nada lle servíu que tiveran baixo os seus pés inmensas riquezas de combustibles fósiles, de diamantes,... porque os países ricos apresuráronse a roubárllelos. O esforzo militar que se está a facer en Afganistán non é alleo ao camiño do petróleo do Caspio, e cara a el vai o desafío de extensión do conflicto a Irak. E aínda que se ve lonxana, a sorte do Irán non vai ser millor. Quen fai este esforzo militar son democracias que presumen de vivir en liberdade; teñen fabulosas existencias de material bélico e as empresas que o fan precisan vendelo e así todo lles queda na casa. ¿Que lles importa a esas democracias que os talibán tratasen mal ás mulleres se precisamente foron elas quen os formaron e axudaron pra botar de Afganistán aos soviéticos? O do 11-S foi un acto de barbarie execrable, mais na mecánica vital de quen o executaron ten moita lóxica: se van ser masacrados como o están sendo no Afganistán, pensan que é millor morrer matando e dando un campanazo para que o mundo se entere de que se non se percura xustiza e benestar sempre haberá xente disposta a seguer suicidándose para se vengar dos seus opresores, que practican o máis salvaxe capitalismo que se coñece. A única liberdade que lles interesa é a do comercio sobre cousas privatizadas para as engulir. As autoestradas do Atlántico nasceron como privadas. A empresa endeudouse moito e non logrou as axudas dos capitaes centroeuropeos, o negocio aínda non era negocio, tiveron que entregarse a unha empresa pública. Saneada e crecida a súa explotación, hoxe é un bo negocio. Ben, pois xa están pensando en privatizala. Co diñeiro e a explotación pública, que é de todos nós, fíxose rendible, para que agora os poderosos neoliberalistas poidan facela súa.