DON PACO

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

30 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Debémoslle moito a esta xeración. Francisco Fernández del Riego, don Paco, que con 89 anos se despide estes días do seu mandato á fronte da Real Academia Galega logo dun período de xestión breve pero especialmente brillante, encarna o espírito dun tempo que, aínda que obrigado a sufrir algúns dos períodos máis duros da nosa historia contemporánea, acadou froitos e realizacións sen precedentes. A Galicia de hoxe (a cultura e a lingua galega tamén), mesmo aceptando as contradicións existentes e algunhas asignaturas aínda sen aprobar, endexamais tivo un momento de plenitude e de realizacións coma o de agora. En parte, isto é froito do período de bonanza, crecemento económico e estabilidade democrática das últimas décadas, pero tamén, moi fundamentalmente, do esforzo, a xenerosidade, a coherencia e o entusiasmo, arriscando ás veces todo o que tiñan, de persoas que co seu exemplo e maxisterio acertaron a deitar a ponte entre as xeracións: a memoria dos vellos e a ilusión do que había de vir, mesmo cando ninguén daba un peso polo futuro daqueles ideais, aparentemente vencidos. No discurso histórico do galeguismo, na crónica do seu rexurdimento actual (o terceiro, se anotamos antes o de Rosalía e Murguía no XIX, e o da xeración Nós entre 1917 e 1936) don Paco é unha figura clave, certamente extraordinaria. Ben sei que non lle agradan estas adxectivacións. El sempre gostou de definirse coma un home da infantería, esforzado traballador de base, capaz de atender a catro frontes ó mesmo tempo: a edición, o estudio, a política e a amizade. Pero da súa man, unhas veces só, outras participando en proxectos de grupo, proceden algunhas das iniciativas máis xenerosas e intelixentes da cultura galega da segunda metade do pasado século: a creación da editorial Galaxia en 1950, a presencia da lingua galega na BBC polas mesmas datas, a dirección dos Suplementos Literarios de La Noche a fins dos anos 40, xunto con Xaime Isla, acaso a primeira plataforma de expresión do galeguismo exiliado no interior, a fundación do PSG en 1963, a conexión cos máis novos, o impulso da Fundación Penzol, as páxinas culturais do Faro, o desenvolvemento das artes gráficas, a recuperación literaria de Cunqueiro, o artellamento práctico da ortográfica de transición para a lingua galega nos anos 50 e 60, o mantenemento do Partido Galeguista no interior ata a súa autodisolución, as relacións clandestinas cos exiliados..., todo isto sen esquecer unha abondosa e esixente bibliografía que abrangue case que tódolos xéneros, dende o ensaio á divulgación, dende a escolma didáctica á historia da literatura, crónicas, viaxes, ficción, cartas (¡miles de cartas!), xornalismo literario, con esa preocupación súa pola noticia doutras literaturas en diálogo permanente coa nosa. Agás o teatro e a poesía, que eu saiba, tocouno practicamente todo. A iniciativa máis brillante, e quizais a máis persoal, foi a institución, dende a plataforma da Academia, do Día das Letras Galegas (1963). Tamén iso llo debemos a el. Nunca tan pouco deu tanta marabilla. Os tempos de hoxe son distintos porque homes coma don Paco souberon construílos. Está por ver o que poida dar de si a nosa xeración.