CARLOS CASARES Á MARXE
28 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Aproveitando que as tardes están moi boas e que o sol aínda loce case ata as seis, onte fun dar un paseo polo monte, aquí preto da casa. Primeiro atopeime cun can feo, con pinta de mala persoa e co aspecto inequívoco da xente covarde. Nada máis verme, arrimouse a unha beira do camiño, meteu o rabo entre as pernas, virou a cabeza cara a min, sen mirar de fronte, senón de esguello, e rosmou a medio dente. Non lle fixen nin caso e cando se sentiu libre, feliz de que eu non o atacara, botouse a correr como alma en pena, mirando de cando en vez para atrás e ladrando sen convicción. Tiña un parecido con Kissinger. Non o digo por facer un chiste barato nin por meterme con ese señor, pero é certo que se lle parecía. Pasa a miúdo que unha persoa se asemelle a un animal. No verán pasado, o amigo Rincho, que viña por Panxón case todas as noites ata que tivo un incidente co dono da cafetería porque se dedicaba a dobrar culleres coa forza mental, presentoume ó seu can dicíndome que se parecía moito a el. Pois eran exactos, de corpo e de cara. Despois do encontro co can, atopeime cunha vaca. Estaba pacendo nun eido, tranquila, e supoño que preñada, a xulgar pola barriga. Ergueu a cabeza para mirarme con curiosidade e eu parei para vela de cerca. Non creo que as vacas sexan especialmente bonitas, a pesar de que Homero se valía dos ollos grandes que teñen para ponderar a beleza dos ollos das mulleres guapas. Gastan todas un aire de marujas, de xente doméstica, non demasiado elegantes, incluso as máis novas. Pero en xeral, son agradables e pouco presuntuosas, ó revés do que pasa coas galiñas, que resultan presumidas. Cunha vaca ata se podería tomar un café.