PACIFISTAS

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ L. FRANCO GRANDE SOLEIRA

26 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Penso que todos somos pacifistas. Pero non se poden confundi-las cousas: unha é ser pacifista e outra ser imbécil. Pacifistas foron Einstein e Böll, por exemplo, xenios da física e das letras, pero dunha inxenuidade mesmo infantil ó se enfrontaren co mundo en que vivían. O primeiro bendicindo os chamados procesos de Moscú e o segundo pouco menos que suxeríndolle a Helmut Schmidt a rendición diante do Pacto de Varsovia. De vello sabemos a onde nos levan esas mentes piadosas: Chamberlain cos seus bos desexos de peace for our time fronte a Hitler viuse obrigado a deixa-lo seu posto a Churchill, porque este, ó cabo, tivo que face-la guerra. Europa non puido asumi-la mentalidade cándida do primeiro, e de tantos outros, nuns tempos de sangue, suor e bágoas. E hoxe, que non estamos en tempos mellores, as mentes seráficas de sempre seguen adoutrinándonos sobre os danos colaterais dos bombardeos sobre Afganistán, da necesidade de respecta-lo Ramadán, do ben que se faría con cesa-los bombardeos. É como se algunha xente vivise allea ó mundo e non se decatase de que estamos en guerra, e do que isa realidade significa. ¿Tan pouco nos ensinou o pasado máis recente? ¿Tan escasa é a nosa memoria histórica?