AS TRIBOS

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CHAO REGO

23 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Levo cincuenta anos estudiando na Biblia e fascíname atopar un Israel confederal, das doce tribos, con saudade da monarquía. O profeta Samuel quere que saiban o que custa ter un rei: gravames económicos e discriminación social. En conxunto, a monarquía foi un fracaso e todo rematou cos xudeus no desterro. Emocióname que os desterrados reconstrúan a propia historia: a escola sacerdotal e outros grupos loitan para que non esmoreza Israel que, -coma hoxe nó-los galegos-, ten que ir conquistando o seu nacionalismo fronte ó universalismo que pretenden os da cultura helenística. A Biblia que temos hoxe está refeita dende unha experiencia de sufrimento e un horizonte de liberación. Neste decembro publicaranme o libro O relato hebraico. A Biblia contada dende a lareira, no que dou conta de todo isto. O asunto das tribos non son andrómenas: cando Xesús de Nazaré quere constituír un grupo para o reinado de Deus, escolle unha ducia de homes, os Doce- impropiamente chamados apóstolos, concepto este máis amplo. Os Doce representan as tribos de Israel e isto de xeito simbólico: en orde á unha nova sociedade. Supón a desaparición da dimensión totalitaria en función dunha participación popular. Quen se empeñe en le-la Biblia en clave só relixiosa e non tamén dende o ámbito socio-económico-político, está condenado a non entender.