PROSTITUTA DIPLOMADA

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS

10 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos próximos días 16 e 17 vaise celebrar en Galicia, en Vigo, o Primeiro foro internacional sobre prostitución. Falo deste asunto con Ana Míguez, presidenta de Alecrín, unha das ONG máis antigas de Galiza para a protección da muller. Decido facer de abogado do diaño e dígolle que mellor será legalizar que manter a situación actual. Moi ben -di ela-, así terán un carné de putas, e para toda a súa vida e para a vida dos seus fillos quedará constancia escrita de que súa nai, ou seu pai, se adicaron a ese oficio. Mesmo podemos propoñer un doutoramento ou unha diplomatura en puterío. O do carné, penso eu, podería evitarse, pero é certo que, ó legalizar, quen se dedique nalgún momento da súa vida a exercer a prostitución quedará encasillado como tal para sempre en todos os documentos oficiais, dende a Seguridade Social á compravenda dun inmoble. Admito que non é sinxelo atoparlle arreglo, pero, en todo caso, insisto, melloraría a situación de explotación e evitaríanse violencias. Moi ben -di de novo Ana-, imos regulamentar os honorarios. A ver: ¿Cánto debe pagar o tipo que quere mexar enriba dunha muller?, ¿canto o que quere poñerlle pinzas nos pezóns?, ¿qué pasa cos que queren facelo sen preservativo?... Fala coas prostitutas e verás que eso é o pan de cada día. ¿Estamos dispostos a legalizar esas demandas, a ponerlle un prezo oficial á vexación, á tortura desas mulleres? Non, non se pode. Pero, en todo caso, a legalización evitaría á explotación por parte dos chulos e proxenetas, estarían protexidas pola lei. ¿Protexidas de qué e de quén? ¿Como controlar o que pasa nuha habitación dun prostíbulo cando se pecha a porta? O que entra alí non vai para facer o que pode facer fora sen pagar. Alí chega o mellor de cada casa: dexenerados, borrachos, sádicos, resentidos, ou simplemente tipos tan porcos que dan náuseas; todos eles dispostos a amortizar o que lles costa dar renda solta ós seus instintos. ¿Qué protección lle pode ofrecer a lei ante eses tipos a unha puta que, non nos enganemos, sempre será a marxinada nese suposto intercambio comercial? Se lle dan unha labazada, se non lle pagan, ¿a quén recurre, se non é ó chulo de turno? Deixémonos de componendas. A solución é a mesma que a da escravitude: abolir esa lacra social; o que implica poñer os medios para castigar a quen comercie con seres humanos e reinsertar ás víctimas. Deixei de facer de abogado do diaño. Alegroume non poder dicir, como tantas veces, «así é a vida», porque neste caso a vida será como entre todos queiramos que sexa.