TRAXEDIA MACABEA

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CHAO REGO

09 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O helenismo é unha creación de Alexandre Magno co obxectivo dunha unidade mundial amparada por unha cultura universal: unha globalización. Malia que o sistema relixioso helenístico era incompatible coa relixión xudía, durante 150 anos (323-174) houbo unha pacífica helenización que non foi agresiva coa fe xudaica. Pero o cruel rei Antíoco IV, o Epífanes (Manifesto), prohíbe so pena de morte a práctica do sábado, a circuncisión, os libros sagrados e os sacrificios no templo de Xerusalén, onde manda instalar un altar a Zeus Olímpico; «abominación da desolación», chamoulle o pai da apocalíptica, Daniel. O piadoso Matatías e os seus cinco fillos, afervoados nacionalistas, practicaron a guerrilla contra a helenización... Matatías deixoulle ó terceiro fillo, Xudas -alcumado o Macabeo, martelo-, 6.000 homes. Antíoco dedicábase a facer mártires. Emocionante a nai á que lle mataron diante súa sete fillos e logo martirizárona tamén. Animábaos: «Eu non sei cómo aparecestes no meu seo, pois eu non vos dei nin o alento nin a vida ..., foi o creador do mundo... El havos devolver alento e vida a vós que agora vos sacrificades pola Lei» (Mac. 7). Trala morte de Xudas, dous irmáns, descendentes de Hasmón, macabeos asmoneos, usurpan o sumo sacerdocio, prostitúense diante do poder. Xudea cae nos brazos do romano Pompeio, no ano 63 a.C. Nesta liña van os saduceos, partido sacerdotal e de latifundistas, colaboracionistas cos romanos. Son inimigos de Xesús (Lc. 20, 27-38). A traxedia dunha familia rota, a macabea, ocasión perdida de liberación.