ANO CELTA

La Voz

OPINIÓN

ANXO TARRÍO VARELA

06 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Non, non vai de fútbol. Trátase dun fenómeno (cando menos, iso coida o cronista) ata o de agora esporizado tan só nos colexios privados e academias británicas actuantes no país pero, polo que se adiviña, emerxente xa na sociedade galega dende hai pouco. É unha festa que, ben reconducida, pode pasar de ser un elemento colonizador por parte da cultura anglosaxona, como nos ocorreu coas árbores de Nadal, a alimentar un mito que, por máis esforzos que fagan os científicos para desmontalo, está claro que non se dá arrigado do repertorio ideolóxico dos galegos. Agora vou aclararme, e para certos aspectos lean o artigo de Víctor F. Freixanes do sábado pasado neste xornal. O outro día, nomeadamente o trinta e un de outubro, chamaron á cancela da miña casa unhas mociñas vestidas con traxes como de antroido. Viñan pedir algo de lambetadas. Xa que non estamos, evidentemente, en antroido e un non está afeito a ver mascaritas máis que por aquelas datas, quedei sorprendido, ata que unha delas me dixo que estaban celebrando o Hallowe''en. ¡Vaites, vaites!, pensei eu, pero por non defraudalas (¡que culpa teñen as criaturas!) levaron cadanseu bombón, porque ademais xa se sabe o que din para a ocasión no Reino Unido e nos EE UU, trick or treat (equivalente á cantiga que cantaba a nosa mocidade na noite de reis: "somos os reises do quiquiriquí, se non nos dan nada cagámoslle aquí"): ou agasallo ou falcatruada, aínda que aquelas rapaciñas non tiñan trazas de querer levar a cabo nada ofensivo, caso de practicar eu a tacañería e deixalas marchar sen nada nas mans. Seica (díxomo a enciclopedia) o Hallowe''en, que agora é tan só unha festa comercial máis, tiña nun principio un par de significados simbólicos moi achegados ao entramado antropolóxico profundo dos galegos: dunha parte, nesa noite de outubro volvían as ánimas dos mortos aos seus fogares; por outra, coincidía co comezo do ano celta. E xa se sabe que nós somos moi devotos dos defuntos e aínda máis celtas. Polo tanto, xa que (igual cá LOU) será imparábel que esa festa, no fondo non tan allea á nosa cultura, vaia asentando entre nós, como pasou co happy birthday to you ou es un muchacho excelente, haberá que enchela dun pouco de contido simbólico e, tendo en conta que coincide moito coas honras que estes días lle facemos aos defuntiños, podemos aproveitar a festa a noso favor reivindicando, xunto coas ánimas dos grandes celtistas que andarán por aquí en plan Hallowe''en (Vicetto, Murguía, Pondal, Cabanillas, Castelao...) a implantación en Galicia do ano celta. Con este persoal por diante non haberá quen nos negue nada. Nin Pilar del Castigo.