CANTAR VICTORIA

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

04 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Poucas veces os EE UU non poideron cantar victoria. Son seguros a partir dos recursos humanos que teñen. Foron primeiros en ver que a inversión máis rendible é a de investir en capital humano, o que entre nós non se entende ben. Suman unha terra de promisión situada entre dous océanos que os fai practicamente invulnerables cando polo norte hai xeo e unha nación fría e afín e polo sur están os hispanos cos que, en xeral, fan un pandeiro. Cos abondosos recursos naturais que teñen no seu inmenso territorio e cunha xente ben preparada é lóxico que reúna unha máquina científica e técnica, que soupo estudar e aproveitar os coñecementos científicos desenvolvidos principalmente na Europa. Soupo tamén dar valor á unidade agrupando nacións emerxentes non idénticas. Así en pouco tempo, dentro do século XX, os EE UU convertéronse nuns adiantados da investigación realizando un desenvolvemento científico e industrial espectacular. Mais, paralelamente a estas virtudes dun povo en marcha capaz de millorar as condicións humanas en tódolos eidos, algúns sectores con afán de dominio, dominados eles por un atavismo da nosa natureza de animal famento, que en xeral nos leva a apoderarnos de moito máis do que necesitamos, se impuxo. A investigación descobre, por exemplo, o valor dos combustibles fósiles como únicos que aportan unha forza económica autóctona, e os de afán de dominio determinan ir a por eles onde se atopen. Craro que nestes negocios hai máis que norteamericanos. Esto xustifica que, aínda separados do Oriente Medio por máis de 20.000 quilómetros, os Estados Unidos se preocupen de resolver problemas a bombazo limpo nesta zona e non onde o terían máis fácil, ao lado da súa casa, onde hai gravísimos problemas para a humanidade, como pode ser Colombia. O gran poder que representan os EE UU permítelles competir con ventaxa para se ir quedando con todo sen trámites democráticos e resolver con esas poderosas e sofisticadas bombas o que se opoña ao seu interés directo e indirecto, sen perder tempo en dialogar e convencer. Non interveñen en defender causas xustas da humanidade. Se algunha vez resultou positiva, como a de rematar co nazismo, primeiro estivo o ataque aos seus intereses. Agora, ante esa agresión inhumana do 11-S, que fixo un resentemento colectivo á arrogancia do seu poder económico e militar, están masacrando ao povo afgano, desprezando a xustiza e exercendo unha suposta vinganza para castigar a un individuo que sería taumatúrxico nas responsabilidades que lle atribúen, e aínda que un entende como un mal aos talibáns polo que fan coas mulleres, tamén coñecendo o percal pensa un que se pode estar aproveitando o de Bin Laden para someter a outro povo, porlle un goberno títere, como tantos que coñecemos, e despexar máis o camiño do petróleo. Non se pode calcular se tamén desta os EE UU poderán cantar victoria. A podan cantar ou non, eu estarei sempre con ese povo creador de ciencia e de riqueza, e en contra das bombas que empregan para demostrar o seu dominio.