VÍCTOR F. FREIXANES
22 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.«Tampouco estamos moito peor ca onte», dime o veciño de mesa, que me ve repasar unha e outra vez as contas na redacción. «Nin mellor», contesta outro. E eu quedo parado, na metade da escaleira, intentando desentrañar o significado profundo das súas palabras. ¿Mellor que quen? Depende. Antón Louro sae pola televisión e, segundo avanza a noite, o seu rostro muda do frío á calor. Corre a voz de que Pérez Touriño, como Almunia no 99, pode presentar a dimisión pero, axiña van pousando os datos, o sentidiño imponse. O que parecía un desastre xa non o é. 43-19-13. Unha hora despois, 40-20-15. Ó final, 41-17-17. Sempre pendentes do escrutinio dos emigrantes, que aínda pode mover algún escano. Mario López Rico di que os resultados non son os que agardaban e que Beiras falará despois. Palmou sube á tribuna. Confirma a victoria. Don Manuel aparecerá máis tarde. O meu compañeiro de mesa repite: «Tampouco estamos moito peor ca onte». Abofé que non sei ben que quere dicir. Pero sospeito que é máis profundo do que parece. O pobo galego vota cun pé diante e outro detrás. Cada vez que move o pé mira onde deixou o outro, ben afincado, por se a terra se lle move. Vexo pasar a dous cunha esqueira. ¿Onde van eses? Infraestructuras. A noite de fin de ano do 2000 media Galicia rural pasouna sen luz. Abofé que este ano a historia non se repite. ¿Quen dixo que ía haber sorpresas? A máquina non se detén. Mañá mesmo saímos para Ames, que lle prometimos ó alcalde arranxar o asunto das inundacións e o presidente cumple a palabra. Logo está o da cuota láctea (que tamén houbo promesas), e o traballo dos mozos ó saíren da Universidade, e a supresión do imposto de transmisión de terras, e a cuestión da muller, e o asunto dos barcos, e o tren, e a Internet nas aldeas... ¿Canto nos vai levar todo isto? La Voz di que 25 anos. Hai que empezar a facer contas. Algunhas están pendentes dende o 93, pero a nosa xente ten fe e a fe consiste en ollar cara adiante. Lembrade a muller de Lot. Anxo Guerreiro dimite. «Hai que ser serios», di. Na sede do BNG agardan a intervención de Beiras. Entra en pantalla. A TVG déixanos sen conexión e pasamos a escoitar cifras oficiais no Pazo de Congresos. 41-17-17. Mañá é outro día. «Tampouco estamos moito peor ca onte». Nin mellor. ¿Ou si? Don Manuel, futuro presidente, dá a clave diante das cámaras. «Este é un país lírico». E enriba, o Celtiña empata no Bernabéu.