O PRACER DOS DEUSES

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO / CRÓNICAS INCONFORMISTAS

16 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nestes momentos cómpre enviar unha mensaxe de solidariedade ao povo norteamericano polo atentado que remata de padecer. Hai que recoñecer que é xusto que reaccione como un soio povo. Quen o atacaron fixérono con toda carraxe contra algo que saia desa nación, sen discriminar o que pode ser bo ou malo dese povo. E, conscente ou inconscentemente, o ataque tamén levaba o efecto do cantazo na tona das augas, caladas, como mortas. Logo de mostrar a solidariedade co povo norteamericano e con tódolos povos que conviven nesa gran nación, á que o avance da civilización lle debe moito, temos que pedirlle reflexión. ¿Será posible neste intre que alguén teña a cabeza fría para reflexionar neste gran dilema? Porque se lanzan un castigo exemprar contra o povo de onde supoñen que procede o mal ¿conseguirán erradicalo? As bestas bravas cando as acorralan non lles importa morrer para se liberar atacando ao nemigo que as cerca. E o home é un animal máis, mal que lle pese a quen presuma de que somos seres superiores. O mundo musulmán ten máis de seiscentos millóns de seres, e aínda que algún dos países que o compoñen teñan perdido alento e outros atópanse adormecidos polos cartos que lle pagan polo petróleo que teñen, en calquer momento poden despertar unidos polos sentementos árabes e a relixión que profesan, creándolle un serio problema ao refinado mundo occidental. Penso que non convén provocalo; máis ben aprender a convivir con eles, como souperon facer os povos da Hispania noutro tempo, axundándoos e dialogando con eles, en troques de interesarse en quedarse cos recursos que teñen. Norteamérica, en función do seu laborioso povo, da súa riqueza natural e da súa privilexiada situación xeográfica é unha poderosa potencia. Malo que toda ela, incluidos os estamentos de goberno, e unha gran parte do criterio conducido dos seus habitantes, pasasen a ser dominados por uns poucos que o teñen todo, insaciables, conocidos polo establishment (o poder establecido, por riba de toda democracia e de todo entendemento moral e socialmente xusto, para se quedar con todo urbi et orbe), e así obriga ao seu Goberno a que ninguén se desmande do que eles queren, con arrogancia e intransixencia, créndose xendarmes do mundo, que todos temos que obedecerlles e entregarlles os nosos recursos. Recordo dos meus tempos da Argentina o que fixo con Frondizi para se quedar co petróleo da Patagonia, de cómo cerca a Cuba para obrigala, dos tempos de Videla para matar aos esquerdistas, como fixo co Chile de Allende, como está machacando tódolos días no Irak (non acaba de entregar a súa inmensa riqueza petrolífera), etcétera, e moitas intervencións de pánfilos, que andan por ahí, e lles entregan todo. Repetimos unha e mil veces a nosa solidariedade co povo norteamericano, non coa arrogancia do seu Goberno. Se agora está pensando na vinganza, ese pracer dos deuses e dos seres soberbios, pense que é un concepto desfasado, porque eses deuses vengativos xa non teñen por qué existir.