VÍCTOR F. FREIXANES / VENTO NAS VELAS
15 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O tratamento da crise ten que ser político, fundamentalmente político. Un sector importante da poboación (non só da poboación norteamericana) demanda nestes momentos unha reacción automática, de represalia irada, emocionalmente explicable, pero que responde no fondo ó elemental instinto de vinganza. Todos somos así: revolvémonos para atacar, como os animais cando se senten feridos. Desgraciadamente, algo sabemos aquí destas cousas. A furia da violencia é tan brutal, tan salvaxe, tan indiscriminada que calquera reacción parece pouca. Pero as formas de civilización son outras. ¡Falamos de civilización, non de barbarie! Ha ser dende os principios da civilización dende os que debemos artellar a resposta. Que os responsables da Administración Bush, partidarios tantas veces de actuacións represivas e punitivas (pena de morte), non se decidisen a actuar aínda, pode significar varias cousas. Unha, o impacto é tan xigantesco, tan estarrecedor, que aínda non deron reaccionado, abraiados diante da brutalidade do acontecemento e a audacia dos terroristas. Dúas, que a reacción xa estea en marcha, e que non queiran contala. Tamén cabe outra posibilidade (a máis desexable): conscientes da dimensión do caso, alguén está a aconsellar cabeza fría. En política é fundamental. Nunca a intelixencia e as armas da racionalidade foron tan necesarias coma nesta ocasión. Falar de tratamento político non significa renunciar á acción da forza. Entre os principios da democracia está o dereito irrenunciable a defendela. Lembro unha frase de Eduardo Chao, un dos nosos pensadores do XIX (non por menos citado menos clarividente): «O poderoso brazo da forza só se xustifica cando o move o brazo da razón». Mais a razón, agora máis que nunca, hai que argumentala e expoñela diante de todo o mundo. É o mundo enteiro quen asiste e sofre, abraiado, a furia dos acontecementos. Non se trata de atopar a primeira cabeza de turco. Hai que demostrar e explicar as responsabilidades. Moito menos podemos admitir unha acción indiscriminada a costa da poboación civil, que ó final foi o que sucedeu cando a guerra do Golfo, aínda que non nos deixasen ver os cadáveres daquela. O terrorismo, espectacular e salvaxe por esencia, é un problema mundial, pero que se alimenta de causas profundas, moi concretas, que cómpre detectar e abordar con compromisos internacionais. Quizais non sexa agora o momento de poñérmonos a enumerar esas causas, abondo coñecidas por outra banda, pero tampouco cabe a súa ignorancia. A resposta á criminalidade brutal que estremeceu o mundo nesta semana será tanto máis útil canto máis razonada sexa, canto máis argumentada e solidaria (co coñecemento e o apoio de tódolos gobernos e as sociedades implicadas). «Non preguntes por quen dobran as campás», advertía Ernest Hemingway en 1936, falando da guerra civil española; «dobran por ti», por todos nós, que habitamos esta enorme e, sen embargo, fraxilísima aldea.