TUCHO CALVO DE COTÍO
14 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un novo milenio, un universo marcado pola mundialización e vellos problemas que se adaptan a esas circunstancias. Alguén haberá sempre máis listo, mellor situado economicamente e autoproclamado redentor dos pobres que apareza como guía revolucionario. Burgués ou millonario, intelectual ou militar, político ou axente secreto, non é o Bin Laden de turno o que importa. É o que o fai posible. E de revolución hai que falar. Aquel palacio ou castelo que agochaba tódolos placeres negados está hoxe nos centros de poder mundial. E o paria intúeos como santuarios do inimigo. E sabe que existen porque todo está á vista nesta aldea grande que habitamos. Nun mundo no que as fronteiras tradicionais se dilúen e novos poderes como os das multinacionais pisotean a dignidade de moitos pobos, o ataque dos desesperados busca novas expresións. O icono da nova revolución é a caída das torres de NY. Non sería nada se fose a tolería dun visionario. Pero tan monstrosa acción pode ser un espello que alente un día si e outro tamén a vinganza dos desesperados. Pode ser imparable. Así que só unha urxente reconducción planetaria do vello Liberdade, igualdade, fraternidade pode darnos a paz.