CARLOS CASARES Á MARXE
10 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai anos, en pleno éxtase do namoramento entre os intelectuais europeos de esquerdas e a revolución cubana, Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir visitaron Cuba, invitados polas autoridades revolucionarias, e recorreron a illa con Fidel Castro. Nun lugar apartado, nunha especie de chiringuito onde pararon para beber un refresco, o frigorífico non funcionaba. Entre sorprendido e indignado, Fidel preguntou cómo era posible aquela neglixencia, e os encargados explicáronlle que xa deran o aviso correspondente había bastantes días, pero que os responsables de resolver o problema aínda non se presentaran. Sen dubidalo, o líder, daquela na forza física e no entusiasmo dos seus trinta e poucos anos, arremangouse, arrastrou o frigorífico para separalo da parede e púxose a arranxalo. Ó cabo dun tempo, desistiu; faltaba unha peza. Felices polo que acababan de presenciar, Sartre e Simone de Beauvoir chegaron á conclusión de que aquela era unha forma de democracia directa. Non se lles ocorreu pensar que era tamén unha proba de ineficacia. Acabo de ler o que sucedeu con Hugo Chávez, presidente de Venezuela, durante unha visita ó interior do país. Atopouse cuns guajiros colombianos sen papeis, que se queixaron de que un terrateniente non lles pagaba, e que como estaban ilegais, tampouco podían mandar os fillos á escola. Chávez montou en cólera e resolveu o problema. Uns días despois, a escasos metros de onde falaba da súa revolución bolivariana, uns indios yanomami, espidos e con lanzas, protestaron a través dun compañeiro, ó cal só se lle entendeu que estaban enfadados. Logo volveron á selva dando berros, sen saber que Chávez non os vira nin os escoitara.