MARINA MAYORAL
08 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Gústame a min ese nome de mancontro que lles puxeron por estas terras ós móviles. Mesmo comezo así moitas das miñas conversas íntimas: «Mancontro aquí vendo unha paisaxe maravillosa e lémbrome de ti». A paisaxe pode ser sustituida por unha habitación de hotel, ou a sala de espera dun aeroporto, ou calquera lugar onde un se atopa máis so que a unha e onde a nostalxia dos seres queridos nos acomete de súpeto. Moita xente che di que para eles trátase só dun instrumento de traballo, pero se é así, ¿por que seguen enchufados a el cando acaba a xornada laboral?, ¿por que utilizan o móvil da empresa para conversas privadas, arrostrando o risco que eso implica? A moita xente dalle vergonza confesar que utiliza o mancontro como unha especie de amuleto marabilloso, capaz de axudarnos a superar o aburrimento, a ansiedade e a soedade . Fíxense na cantidade de xente que pretende chamar dende os avións ou xusto antes de subir, apreixados como sardiñas en lata no bus que leva ata o aparato. ¿Que pode ser tan urxente que requira unha chamada en tan incómodas circunstancias? Pois o que din é: «Estou a punto de subir ó avión», cousa que ben puido facer cando se anuncia o embarque. De feito, o que un fai neses momentos é paliar a ansiedade que produce deixar a terra firme, escoitando ó outro lado unha voz coñecida e dando por certo que chegará ó seu destino. Mesmo na súa forma o móvil ten aspecto de amuleto. Son soaves, afanse ben á forma da man e do corpo. Son como unha caracola onde, en vez de oír o mar, podemos escoitar o mundo cando nós queremos. Moito máis personal e íntimo que o teléfono da casa. Pouca xente desconecta o teléfono da súa vivenda cando quere estar tranquilo, pero desconectar o móvil é un xesto habitual e indicativo de que, por certo tempo, non queremos saber nada do exterior. Ós homes gústalles levalos perto da pel, pese ó perigo das radiacións, igual que nas tribus primitivas levaban os amuletos. Os rapaces utilízano como un fío de Ariadna para moverse no universo dos adultos: e o cable que os mantén unidos ós seus, á pandilla, á moza, ó amigo. A través del pódense mesmo mandar SOS en caso necesario. Nunha cea literaria, o fillo dun escritor sacou o aparatiño do peto, fixo con el non sei que maniobras e a partir dese momento recibiu non menos de seis chamadas. Estaba claro que non era con nós con que quería falar. ¿E que me din do velliño do asilo que, sen familia e sen amigos no mundo, lles pediu ós Reis Magos un móvil? O outro día, estando de excursión, sonou o meu móvil. Non podía oír nada e, dando por feito que se trataba dun dos fillos ou dun amigo, dixenlle: agarda que vou buscar un sitio tranquilo. Mentres o buscaba, comentei que había moita xente e que tamén se oía o mar. Cando cheguei a un recuncho e peguei a orella oín claramente uns inéquivocos xadeos e unha voz descoñecida que dicia: ¡fálame, fálame!... Para que logo me digan que fantaseo e que os mancontros son instrumentos de traballo.